Ideario

Actitude crítica

Mantemos unha postura aberta ao debate crítico para comprender e afrontar a realidade. Os principios que defendemos, como o desenvolvemento comunitario, a xustiza social, a protección medioambiental, o desenvolvemento económico sustentable ou a potenciación da cultura como ben común, constitúen o prisma a través do cal mirar o que nos rodea, analizalo e valoralo. Deseñamos dende unha lóxica decrecentista pois pensamos que o progreso, ademais de innovando, acádase recuperando aquilo que non deberíamos ter perdido.

Compromiso social

A nosa labor busca ter unha translación en clave de transformación social. Dende o noso ámbito de acción, propugnamos a construción social do hábitat, isto é, a xestión do entorno no que se desenvolve a vida das persoas, por elas e para elas. Pretendemos dinamizar espazos onde a potenciación de dereitos sociais sexa un obxectivo colectivo

Acción directa e transformadora

Pensamos que a actitude crítica e o compromiso social deben condensarse nunha transformación e mellora da realidade. Entendemos os nosos coñecementos como ferramentas capaces de xerar dinámicas para incidir sobre ela e aportar solucións. Formulamos, con pretendida visión de futuro, propostas adaptadas ás circunstancias e necesidades do momento

Deseño colaborativo

Non lideramos procesos, tratamos de facilitalos, acompañando dunha maneira activa e comprometida á comunidade que persigue o seu propio desenvolvemento. Cremos que as intervencións no hábitat deben responder ás necesidades e desexos das persoas que o habitan; a elas escoitamos e con elas propoñemos. Buscamos a autonomía das dinámicas e dos procesos, o empoderamento e a corresponsabilidade cidadá. Somos conscientes de que un proceso participado e consensuado polo maior número de axentes tende a ser asumido e interiorizado dunha forma moito máis sinxela, cobrando vida propia, crecendo e adaptándose aos cambios de xeito natural.

Tecnoloxía aberta

Entendemos o uso das novas tecnoloxías como unha ferramenta fundamental para as transformacións sociais no mundo actual. Neste sentido operamos dentro do marco das tecnoloxías colaborativas e da filosofía cooperativa no que ten que ver co emprego e a promoción de software libre. Pensamos que tanto no traballo interno, como na difusión, elearning ou formación, é preciso implementar formas tecnolóxicas en código aberto que permitan unha maior democratización das redes, dos espazos físicos e da sociedade en xeral.

Repensar o público

Observamos que é preciso facer unha actualización do publico como concepto, como espazo, como forma de distribución de riqueza e como técnica de goberno. Por ética, pragmatismo e ecoloxía de recursos, en tempos de crise a xestión do público pasa por activar novos mecanismos de relación entre institucións e cidadanía e polo desexo de moldear o público como un ámbito de construcción colectivo.

Visión holística

Perante unha realidade complexa, precisamos respostas transversais, que atenda a todos os elementos que compoñen esta complexidade. Lonxe de evitar enfoques e visións que atendan a multiplicidade, entendemos que é esencial, nos procesos nos que intervimos, dar respostas de carácter integral. Así, operamos de xeito colectivo e interdisciplinar, co fin de aumentar a nosa capacidade de resposta.