Ideario

Actitude crítica

Mantemos unha postura aberta ao debate crítico para comprender e afrontar a realidade. Os principios que defendemos (xustiza social, protección medioambiental, igualdade, diversidade, defensa dos bens comúns, potenciación da cultura e da identidade...) constitúen o prisma a través do cal mirar o que nos rodea, analizalo e valoralo.

Compromiso social

Dende o noso ámbito de acción, propugnamos a construción social do hábitat, isto é, a xestión do entorno no que se desenvolve a vida das persoas, por elas e para elas. Pretendemos dinamizar espazos onde a potenciación de dereitos sociais sexa un obxectivo colectivo.

Acción directa

A nosa labor busca ter unha translación en clave de transformación social e mellora da realidade. Entendemos os nosos coñecementos como ferramentas capaces de xerar dinámicas para incidir sobre ela e aportar solucións, formulando propostas con visión de futuro mais adaptadas ás circunstancias do momento.

Visión holística

Perante unha realidade complexa, precisamos lecturas transversais que consideren todos os elementos que a compoñen. Así, operamos de xeito colectivo e interdisciplinar atendendo á multiplicidade co fin de achegar respostas integrais.

Tecnoloxías abertas e apropiadas

Operamos dentro do marco das tecnoloxías colaborativas e de código aberto (software libre) procurando unha maior democratización das redes, dos espazos físicos e da sociedade en xeral. Así mesmo, tratamos de enmarcar a nosa práctica construtiva no ámbito das tecnoloxías apropiadas, promovendo o uso de materiais e sistemas coherentes con cada contexto.

Deseño colaborativo

Non lideramos procesos, senón que tratamos de facilitalos, acompañando dunha maneira activa e comprometida á comunidade que persegue o seu propio desenvolvemento. Conscientes do seu potencial, fomentamos a autonomía das dinámicas, o empoderamento e a co-responsabilidade cidadá.