Diagnose da rede de centros educativos en Guatemala

Data
2017
Situación
Champerico (Guatemala)
Autoría
Arquitectura Sen Fronteiras
Colaboración
PRODESSA, Consejo de Autoridades Comunitarias del Sur, Ministerio de Educación de Guatemala, Municipalidad de Champerico.
Outros
Hábitat Social (análise xeográfica)

O documento identifica e achega solucións viables ás principais carencias existentes na rede de infraestruturas educativas do Ministerio de Educación no área sur de Guatemala. Arquitectura sen Fronteiras, traballando neste ámbito durante case vinte anos, lidera este proxecto no que participan diversas entidades locais e internacionais. Hábitat Social participa na sistematización da información xeográfica, agrupando os datos recollidos no traballo de campo e analizándoos para obter propostas de intervención.

Entre as conclusións o traballo recolle un plan de actuación e pautas e recomendacións antes e durante a intervención. Entre elas, a priorización dos problemas urxentes e o estudo pormenorizado da elección do lugar antes de abrir un centro, involucrar á comunidade, definir manuais de uso e mantemento, ou incorporar criterios de sustentabilidade ambiental.

As análises, que abarcan 71 comunidades e 6.800 alumnos de catro niveis educativos, ten dous enfoques e intencións:

Por unha banda estúdiase a cobertura territorial da rede de centros, identificando aquelas comunidades que non teñen un establecemento educativo público a unha distancia adecuada e propoñendo habilitar centros en posicións estratéxicas que satisfagan ao maior número de habitantes. Por outra banda analízase o estado no que se atopan os centros, a seguridade e dimensións da infraestrutura, as necesidades sanitarias e alimentarias e os servizos básicos de auga e electricidade. Categorízanse os déficits atopados para a súa análise e posterior ponderación do estado dos centros, de modo que se priorice a intervención en centros con maior número de problemas de seguridade.