Mapeo colectivo Coruña (sub)Mariña

Data
2015
Promoción
Festival Mar de Mares
Autoría
Hábitat Social
Colaboración
EASD Pablo Picasso, Xosé Iglesias, Xulio Montero, Xurxo Souto, Ana Filgueiras, Felipe Canosa, Lucas Santolino, María Calleja, Xose Lois Martínez.

Coruña (sub)Mariña é un convite a explorar nas profundidades da nosa memoria colectiva para rescatar unha conciencia viva do que somos. O forte vencello que, dende a súa orixe, une A Coruña co mar foise afrouxando nos últimos anos, especialmente polo cambio de modelo socioeconómico, somerxendo xeitos de vida, espazos, fitos, historias, etc, ata facelos desaparecer (algúns para sempre, outros aínda sobreviven ocultos). Descubrilos e sacalos á luz é o obxectivo deste proxecto: recuperar a nosa identidade, o noso tesouro, aflorando unha relación rica e complexa co mar, para así, conseguir que esta cidade deixe de ser (sub)mariña e retorne mariña.
Proponse como exercicio colectivo con vontade de perdurar no tempo. Así, a participación das veciñas e veciños é imprescindible: a iniciativa ofrece unha plataforma web cun mapa onde centralizar a información que calquera queira achegar. Todo o que fale da relación do mar coa cidade ten cabida: aspectos materiais ou inmateriais, pasados ou presentes, anecdóticos ou transcendentes. As referencias organízanse en catro categorías: medio natural, medio construído, ámbito socioeconómico e ámbito cultural.
Ademais desta faceta virtual, o proxecto contou cunha versión física para o seu lanzamento. Parte do alumnado de Ilustración da Escola de Artes Pablo Picasso trasladou á rúa unha escolma de puntos do mapa, elaborando deseños específicos para cada un deles. Unha colaboración que nos ofrecía a posibilidade de difundir o proxecto, pero tamén de apropiarnos do espazo público, de empregar a cidade como soporte para o arte, e de sacar a creatividade das aulas. Os mapas físico e virtual estaban vinculados a través dun código QR que acompañaba cada instalación e que se podía escanear co móbil para ampliar a información de cada punto e ter coñecemento doutros e da iniciativa.

Etiquetas: Participación