Home / Novas /

Sobre Corcoesto

31/05/2013

Como Habitat Social, unha cooperativa na que tratamos de basear o noso traballo nunha revisión da relación entre a natureza e os seres humanos, atopamos miles de razóns para estar pola vida e, consecuentemente, contra a mineiria salvaxe. Hai ademáis, decenas de poderosos argumentos para unha nítida toma de posición: o expolio natural e económico, o cianuro, as toneladas de entullo, a destrucción dun ecosistema rico e de usos variados.. En realidade, tantas razóns hai, como formas de vida coexisten en Corcoesto ou en calquera lugar ameazado pola nocividade extractivista.

Pero nós, como cooperativa, como proxecto de autoemprego que fomenta a economía social, queríamos deternos nunha breve reflexión. Como comunidade humana, como pais, miles de nós camiñaremos o domingo as rúas de Compostela en defensa da supervivencia dun medio físico, pero tamén dun tecido social vivo no mundo rural. E como comunidade cumpre que sexamos quen de avanzar para construir, colectivamente, unha sociedade onde non exista espazo para quen trata de aproveitar, para o beneficio privado, unha situación de fonda crise económica e social.
Aproveitar a enerxía colectiva conxugada para artellar, sobre o apoio mútou e a cooperación social un Corcoesto, un Bergantiños, un Pais que descanse sobre o ben común e o benestar social.