Home / Novas /

Procesos abertos: autoconstrución en Carballo

11/07/2014

Partidarios como somos en Hábitat Social de entender os nosos proxectos non como resultados senón como procesos abertos, o certo é que, polas esixencias do día a día, os vimos comunicando como experiencias rematadas, unha vez chegan ó seu fin. Por iso, intentando rachar con esta dinámica, queremos achegarvos un interesante proxecto que temos en marcha na cooperativa dende hai máis dun ano, e que, aínda que modesto, aborda unha serie de cuestións que pensamos resumen bastante ben algunhas inquedanzas e xeitos de traballar que van collendo forma e forza no estudio.

Trátase da reforma da vella casa familiar, situada nunha aldea de Carballo, de Roberto e Elena, unha parella moza que deixa atrás a cidade da Coruña para facer vida no campo. O inmoble, froito de distintos crecementos no tempo (non todos igual de afortunados), presenta problemas de orientación, de relación coa parcela e de distribución interior. Construtivamente consta de muros de carga (de mampostería no corpo máis vello e de formigón ciclópeo no novo), forxados unidireccionais de formigón armado, e cubertas plana e a dúas augas de fibrocemento.

Así, o encargo pretende a reorganización espacial da casa e a súa mellora en termos de habitabilidade e confort, traballando no posible con criterios ecolóxicos. Os cartos son poucos, pero existe a dispoñibilidade de ambos de aportar parte do seu tempo na obra. A nosa labor consiste na redacción da proposta, así como no seguimento e a coordinación dos traballos. A solución espacial pasa por abrir a sur a planta baixa a través dunha nova escaleira, peza central que comunica coa nova cuberta axardinada nun nivel intermedio, por onde entrarán o sol e a luz na casa. A intervención comprende o reforzo estrutural do forxado, a mellora da envolvente térmica (muros, ocos e cubertas), e a execución de particións, acabados e instalacións. Neste momento atopámonos, máis ou menos, no ecuador da obra.

Entendemos que son tres os aspectos máis salientables deste traballo que paga a pena tratar minimamente aquí. En primeiro lugar, unha reflexión sobre o propio encargo, algo que non ten que ver coa nosa achega senón que ven constatar unha tendencia da que xa falamos nalgunha ocasión (fuxirdocentro) como é a procura fóra da cidade consolidada (no rural ou no rur-urbano) de hábitats de oportunidade, máis favorables para o desenvolvemento persoal e colectivo dende criterios de autonomía, sostibilidade ou vida íntegra, dentro do actual marco de crise sistémica. Evidentemente non estamos a falar da vella dicotomía campo-cidade nin das aspiracións de boa parte da clase media a vivir nunha casa con xardín nalgunha urbanización non demasiado afastada do centro de traballo ou da área comercial. Ó contrario, se nos resulta un fenómeno de interese é pola necesidade de certas persoas ou grupos de atopar unha resposta á súa demanda de “bo vivir” (Sumak_kawsay) a través da activación de iniciativas propias, laborais ou vitais, en espazos máis propicios como o rural galego (acceso á vivenda, subsistencia, contacto coa natureza, recuperación de bens naturais e patrimoniais, etc.). Aínda que minoritario, deixa aberta a porta para unha posible confluencia entre dúas problemáticas de signo contrario, como son a necesidade de reactivación dun rural abandonado, dunha banda, e a necesidade de moitas persoas de acadar por si mesmos un “dereito á cidade” que a propia cidade nega, doutra.

En segundo lugar, a autoconstrución como sistema para afrontar a obra. Se ata hai medio século este podía ser o xeito dominante de construír a casa propia en aldeas e vilas do noso país (e de moitos outros), o abandono dos sistemas construtivos tradicionais e a especialización derivada das novas técnicas e produtos industriais, así como a transformación da vivenda nun produto mercantil vinculado ó exponencial aumento do parque edificado das cidades, convertérono en anecdótico. Non obstante, sen pretender facer unha contraposición entre a autoconstrución e a construción especializada, si nos gustaría, aproveitando a experiencia deste proxecto, repasar algunhas das súas peculiaridades, unhas positivas e outras non tanto. De feito, en Carballo non se trata dun proceso puro de autoconstrución senón que se conta co apoio, segundo a fase da obra, de distintos profesionais (albanel, carpinteiro, electricista, etc.). En todo caso, son Elena e Roberto, co noso asesoramento técnico, o motor do proceso; eles marcan os tempos e eles miden as súas capacidades ou necesidade de axudas. Este xeito de proceder está relacionado cos coñecidos conceptos do DIY (faino ti mesmo), DIWO (faino con outros) e work in progress, que nos falan da posta en valor das capacidades individuais, do forte vínculo entre un e o que sae das súas mans (apropiación, expresión personal), da colaboración e da aprendizaxe mutua, ou de deseños abertos que se concretan segundo o proceso avanza adaptándose a novos inputs que van aparecendo durante o mesmo. Outro aspecto positivo sería o aforro económico (a cambio de tempo e traballo), en contrapartida a certos inconvenientes, como a dilatación dos prazos da obra (ritmo irregular, atendendo á dispoñibilidade de tempo), o maior risco en materia de seguridade, ou as limitacións para acadar certas calidades ou solucións como consecuencia da falta de experiencia. Sen dúbida, como arquitectos esíxenos mudar o xeito de pensar e de afrontar o proxecto: primando a obra sobre o documento, o diálogo sobre a toma individual de decisións, o noso papel como mediadores-xestores sobre o de técnicos-directores.

Por último, a complicidade e a inquedanza de Elena e Roberto está permitindo que a obra sirva para ensaiar diferentes técnicas de construción natural e solucións de baixo impacto ambiental, algunhas máis familiares para nós e outras menos (o cal tamén nos ten levado a incorporar a colaboración doutros especialistas). A nivel deseño, buscouse a apertura da vivenda ó sur, resgando novos ocos e pechando outros, así como dotala de illamento sen limitar a súa inercia térmica. Traballouse tamén dende unha lóxica da reciclaxe: da propia vivenda en si para adaptala a unha nova demanda de uso, e daqueles elementos que foi posible aproveitar: baldosas, follas das portas, sanitarios, e mesmo unhas plaquetas e unhas follas de vidro provenientes doutras demolicións que atoparán o seu sitio na casa. En canto ós sistemas (algúns xa executados e outros aínda pendentes), a casa incorpora unha estufa de leña de alto rendemento (Ecofogar), carpinterías exteriores de madeira de iroko con certificado FSC, soleira de cal hidráulica alixeirada con cortiza en grao, cuberta vexetal extensiva, illamento de muros polo exterior con placa de cortiza, revestimento de muros exteriores con morteiro de cal aérea, revestimentos de paredes interiores con barro (puntualmente nos baños é moi posible que se empreguen tamén o estucado e o trencadis), e tabiques da planta alta en pallabarro (técnica tradicional a base de bastidor de madeira de castiñeiro, vara entrelazada e revestimento de barro mesturado con palla). Toda unha oportunidade para aprender e divulgar vellas formas de facer.