13/06/2013
Hai uns meses, o Concello de Bueu, motivado pola loita e a presión veciñal(1), paralizou a demolición dun dos poucos estaleiros de ribeira que se conservan no País(2).
Dende Hábitat Social estábamos motivados en participar nun concurso que partía dos desexos da cidadanía porque nos parecía un caldo de cultivo fabuloso para unha solución que a puidese involucrar de maneira proactiva. A nosa sorpresa chega cando nos atopamos cunhas bases elaboradas pola Xunta a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que restrinxían a participación con requisitos de obra construída que practicamente ningún profesional que comezara a traballar antes do estoupido inmobiliario podería cumprir (pto. 10).
Entendemos que a proposta máis interesante xurdida dun concurso, non ten que ver co volume de obra construída previamente, para eso hai unha xente chamada xurado que ten a laboura de sopesar e elexir. Tamén cremos na nosa capacidade e solvencia como técnicos á hora de desenvolver e levar a cabo un proxecto, a solvencia non é cuestión de cantidade senón de calidade.
Esto non é máis que outra maniobra corporativista para seguir dando xogo aos mesmos, empurrando a marchar á xente nova con ganas de facer as cousas de outra maneira(3).
Nós seguiremos dando guerra; esperando que a veciñanza de Bueu atope unha solución axeitada á súa demanda.
(1) Facebook da plataforma veciñal.
https://www.facebook.com/pages/SALVEMOS-O-ESTALEIRO/
(2) Bueu comeza a salvar un dos últimos estaleiros tradicionais.
http://www.galiciaconfidencial.com/nova/7279.html
(3) Máis de 65.000 emigrantes amortiguan o paro xuvenil en Galicia dende o inicio da crise.
http://www.eldiario.es/galicia/emigrantes-amortiguan-juvenil-Galicia-crisis_0_110939139.html