Home / Novas /

Apertura de Numax

23/02/2015

Dende hai pouco máis dun ano, en Hábitat Social estamos involucrados no proxecto de Númax co deseño e construción do seu espazo, que aportará á cidade de Santiago de Compostela unha nova oferta cultural.

“Un cinema, unha librería e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. Somos unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro formada por persoas procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural que decidimos colaborar para facermos xuntos o que estamos afeitos a facer por separado.”

Númax presenta unha completa actividade cultural composta sobre tres eixos complementarios. Por unha banda, dende a rúa convidase a entrar na librería especializada en humanidades, onde se poderán consultar libros relaxandose entre os recunchos que forman as amplas xanelas. Un espazo tranquilo, luminoso e agradable rodeado dos máis de tres mil libros dos que disporá. Entre a variedade tamen se crearán percorridos bibliográficos que acompañen ás proxeccións da sala de cinema.

Numax proxectará filmes en versión orixinal subtitulada, poderanse ver obras que aposten pola innovación formal e temática, como sesións clásicas ou infantis. Proxectará entre seis e oito filmes ao mes, unha sala para 71 espectadores con soporte de alta definición.

O terceiro eido ubicase na oficina do local, será un estudo de deseño gráfico e produción audiovisual. A proposta programática conta tamen con sesións de formación, obradoiros, e encontros con realizadores, escritores, etc.

O programa de necesidades proposto por Numax viña dado por unha sala de cine cun aforo mínimo de 70 persoas, con cabina de proxección independente, un espazo destinado a librería cunha capacidade de exposición ó público de 3200 volumes e mais un ámbito para oficina interna cunha parte independente de laboratorio para edición de vídeo, ademais dos aseos necesarios por normativa. Existía a pretensión de que o acceso non fose independente para os usos de librería e cine, senón que houbese unha relación, controlable, entre eles.

CINE

Aproveitouse o ámbito de maiores dimensións sen obstáculos (piares) e con menor contacto coa fachada para a situación da sala de proxección. A sala ten unhas necesidades acústicas importantes, resoltas cunha dobre envolvente (sistema box in box), consistente nun forrado con función de illamento e un trasdosado interior para absorver e acondicionar. A pequena sala resultante configurase cun espazo de visionado envolto en viruta de madeira negra, e unha zona de comunicación de menor altura. Por comodidade, o acceso á cabina de proxección resolveuse con entrada independente, para evitar pasar pola zona de butacas.

A programación pretende centrarse fundamentalmente no cine de autor, dando resposta a unha carencia dentro da oferta habitual da cidade de Santiago. Así, posúe unha finalidade marcadamente cultural, co obxectivo de promover a difusión e o debate en torno a un cine de calidade, que non atopa cabida no circuíto comercial establecido.

LIBRERIA

Deixouse a mellor relación co exterior para a librería, a cal se desprega en L ó longo da fachada, conseguindo un espazo luminoso e xerando ámbitos de estancia agradables en torno ás fiestras, á vez que permitindo a instalación de escaparates. Ademais do mobiliario fixo situado no perímetro (estantes e moble baixo de almacenaxe) recórrese a mobiliario móbil que permitirá un uso flexible do espazo ó adoptar distintas disposicións e funcións.

O acceso ó local prodúcese a través da porta con menor desnivel respecto á rúa para facilitar a solución de accesibilidade. O vestíbulo, sen separación física respecto do espazo da librería, posúe unhas dimensións xenerosas para resolver comodamente a entrada e saída dos espectadores do cine. Nel sitúase a zona de atención ó público, un mostrador con diferentes configuracións, que fará as veces de despacho de billetes e de punto de venda para a librería.

Os aseos ocupan unha posición central na planta baixa, para servir ás dúas actividades principais. Finalmente, polo seu carácter máis privado, optouse por combinar nun mesmo espazo do semisoto a oficina e o espazo de almacenaxe xeral, resolvendo a conexión entre niveis cunha escaleira de caracol que comunica coa zona de librería.

As obras, xestionadas dende Hábitat Social, inician a súa recta final. Primeiramente, logo da preparación do chan (picado recrecido, apertura oco escaleira e selado do anterior), levantouse a tabiquería que divide o ámbito do cinema e da libreria, e forma o espazo central dos aseos e mostrador. Esta separación de espazos permite que diferentes traballos se realicen simultáneamente sen entorpecerse na obra.

Gran parte do executado ata agora foron elementos indispensables para o funcionamento da sala que permanecerán ocultos, como instalacións e sobre todo moitas capas de materiais que illarán acústicamente a sala de cinema.

O local abrirá ao público neste próximo mes de marzo. Por diante queda moito traballo de carpintería, acabados e montaxe de mobiliario.

Velaquí un pequeno vídeo da obra: https://vimeo.com/120246483