Obradoiros para proceso participativo Outra Forma de Vivenda

Data
2023
Situación
A Coruña
Promoción
Outra Forma de Vivenda
Deseño
Habitat Social, 50pes

Outra forma de vivenda é unha iniciativa xurdida en 2016 que promove a creación de vivendas colaborativas baixo uns principios de sustentabilidade, accesibilidade e comunidade. As persoas toman parte activa na promoción, deseño e xestión, tendo en conta a situación de cada unha delas e reforzando as relacións entre elas e coa contorna.

Nos últimos anos asentaron as bases da cooperativa e consolidaron os seus valores e, con estes fortes alicerces, e procurando avanzar con firmeza, conectámonos novamente co proxecto para desenvolver unha serie de obradoiros de pensamento e deseño participativos.

Para garantir alcanzar acordos e fomentar a máxima participación propuxemos afrontar unha serie acoutada de temas ao longo de tres sesións, e reforzamos os eidos da facilitación e do financiamento xuntándonos coa cooperativa 50pés consultoras.

O proceso comeza coa identificación e diagnose inicial do estado de cada persoa e do proxecto, para poder afrontar os asuntos que precisa debater a cooperativa neste momento. As sesións xiraron ao redor de tres temas: o grupo (toma de decisións, motivacións, responsabilidades, coidados, etc); o espazo (ubicación, usos, dimensións, relacións, conceptos bioclimaticos, etc); e a economía (custes, prazos, financiamento, cotas, etc).

Alén de reforzar un grupo cunha madurez, coñecementos, capacidades e responsabilidade moi alta, durante o tempo que transcorreron os obradoiros déronse respostas e orientacións a dúbidas relevantes no momento actual da cooperativa, e marcáronse diferentes traxectorias de traballo que permitirá alcanzar o desexo de materializar Outra Forma de Vivenda.

Etiquetas: Formación, Participación, Cooperativismo