Unidade didáctica Dereito ao hábitat

Data
2014
Promoción
Arquitectura Sen Fronteiras - Galicia
Deseño
Hábitat Social
Colaboración
Ana Sánchez Bello (asesoramento pedagóxico), Jaime Eizaguirre Santillán (ilustración), Martín García Fernández (maquetación)

Este proxecto enmárcase dentro da liña estratéxica de Educación para o desenvolvemento que leva a cabo Arquitectos Sen Fronteiras, neste caso dirixida á comunidade educativa.

O propósito desta unidade didáctica é o de funcionar como complemento á temática referente aos Dereitos Humanos dentro da materia de Educación para a cidadanía e outras afíns como poden ser Ciencias Sociais ou Educación ético-cívica do curso de 4o da ESO.

O encargo consistiu en deseñar unha guía entorno ao concepto do ‘dereito ao hábitat’, incluíndo unha aplicación TIC. A proposta foi a elaboración dun documento e un cd para o profesorado onde pode atoparse un achegamento a conceptos como a complexidade do hábitat, a construción colectiva do mesmo ou as características dun hábitat axeitado co obxectivo de impulsar unha reflexión sobre eles.

Na metodoloxía prima a compoñente práctica, e basease no cartografiado das realidades máis próximas ao alumnado. O contido estruturase en 3 fases: unha primeira sesión na que se pon en contexto a temática e se explica o traballo a realizar; unha segunda sesión de traballo individual onde se emprega a ferramenta dixital de cartografiado ‘Crowdmap’; e unha terceira de posta en común e debate sobre as conclusións.

Todo o material é de libre descarga e pode ser empregado por calquera persoa interesada.