Home / Experiencias / Arquitectura /
Os propietarios desta vivenda acaroada tiñan moi claro cales eran os obxectivos da remodelación da súa casa: adaptala á seguinte etapa das súas vidas e renovar completamente os acabados.
O inmoble está formado por soto e tres andares, e aínda que se intervén en todos eles, a maior transformación sucede na planta baixa. Así é que na zona de día se redimensionan os espazos e as súas relacións para obter maior amplitude e comunicación entre eles e co xardín posterior. A sala da planta baixa reorganízase para un uso máis recollido e íntimo, sen perder a comunicación visual co resto da planta e do exterior; a cociña gaña a superficie e servizo que precisa unha vivenda de cinco dormitorios, e se amplía cun comedor luminoso con saída á terraza exterior.
As novas divisións da planta realizanse con marcos de piñeiro e vidro laminar sobre unha base de tabique cerámico, con menor permeabilidade entre a sala e a entrada que co comedor, onde tamén se insta un fogar de dúas caras. Procurase unha comunicación fluída entre as entradas, distribuidor, cociña, sala, comedor e xardín, adaptable a diferentes usos, así que se opta por empregar amplas portas corredizas no centro da planta para artellar a relación entre os diferentes espazos.
A distribución da planta primeira só se modifica nos servizos dos dormitorios, aumentando o vestidor e o baño principal e duplicando a comunicación do segundo baño. A planta baixo cuberta adaptase para unha única estancia díafana para o lecer. Renóvanse todos os acabados en chans, paramentos e carpinterías interiores (portas, armarios e varanda) e, aproveitando a intervención sobre toda a vivenda, tamén se mellora o sistema de calefacción, substituíndo a caldeira de gas por unha bomba de calor aire-auga.
Etiquetas: Reforma