Home / Experiencias / Arquitectura /
Vivenda cun programa amplo para unha parella con dúas fillas nunha zona rural do interior de Ourense. A parcela atópase no borde do núcleo de Valverde, apoiada na estrada que comunica Allariz con Xunqueira de Ambía, nun nivel lixeiramente inferior a esta.
Cunha lóxica de implantación a escala territorial e atendendo a certas esixencias urbanísticas, vaise concentrar a intervención no vértice da parcela máis próximo a aldea á vez que limitar o espazo de transición dende a estrada. Procúrase así reforzar a concepción da estrada como elemento vertebral dos novos crecementos do núcleo e marcar unha diferencia clara entre o ámbito edificado e o libre.
Por outra banda, en resposta á demanda dunha alta eficiencia enerxética para a vivenda e logo dunha análise pormenorizada das condicións climáticas do lugar (severidade de inverno e verán, necesidade de acondicionamento do espazo exterior, etc.), vanse empregar as medidas oportunas da arquitectura bioclimática. Unha fundamental, como é favorecer unha alta captación solar en inverno mediante unha orientación dominante ao sur do edificio, entra en conflito coa procura de intimidade respecto da estrada. Por iso, faise necesario recorrer a estratexias complementarias que por unha banda permitan ofrecer unha fronte pechada da casa e por outra dispoñer de aperturas a sur/sueste menos expostas visualmente dende o exterior (lucernarios en cuberta).
Coincidindo coa zona de maior desnivel da parcela, a vivenda concíbese en dous niveis, a modo de elemento de contención entre a parte alta da estrada, e a baixa do resto da parcela. No nivel superior desenvólvese a case totalidade do programa, quedando para o inferior, algúns servizos, un cuarto polivalente e mais a saída directa ao espazo de xardín. Inténtase enriquecer a relación entre casa e parcela incorporando espazos exteriores complementarios: porche e emparrado no acceso, terraza, zona cuberta en continuidade co xardín, etc.
En canto á configuración interna, pódense recoñecer unha zona de día e unha de noite, que pivotan en torno ao acceso e á escaleira, cuxa posición central e mesmo aberta ao volume do salón suxire unha certa inmediatez co espazo do xardín, no nivel inferior. A planta en V dende o acceso abre a casa cara á parte principal da parcela e cara ás vistas máis lonxanas do núcleo e do monte de Requeixo, e dá pé á aparición do ámbito da terraza, prolongación exterior da zona de día sobre o xardín.
Formalmente, a casa expresa a complexidade de relacións que se buscan (privacidade, apertura ás vistas, captación solar, etc.) cunha volumetría que non é simple mais si contida. O plano principal da cuberta, visible dende Valverde e dende o tramo alto da estrada, pénsase verde, cunha solución axardinada de tipo extensivo, que por unha banda reduza o impacto visual da edificación e por outro achegue os beneficios deste tipo de cubertas (retención de auga, protección solar no verán, etc.). Finalmente, a casa acomódase ao terreo procurando minimizar o movemento de terras. Prevense materiais de acabado exteriores que non resulten alleos ao lugar: recebo continuo (encalado), pedra, madeira, nas fachadas; vexetación de pequeno porte e zinc, nas cubertas.