Home / Experiencias / Arquitectura /
Esta vivenda para unha parella moza, Paula e Luis, atópase a carón do Camiño Inglés ao seu paso pola parroquia de Ancéis, un área que aos poucos está a trocar o seu carácter con implantacións de nova residencia.
A casa nace como resposta ás necesidades dos propietarios, aos condicionantes do lugar, e ao axustado do orzamento dispoñible.
Todo o programa da vivenda vaise concentrar nunha sinxela peza a un auga, longa e estreita, que apoiada no borde norte da parcela, ábrese a sur arroupando un ámbito exterior que supón unha extensión efectiva da limitada superficie construída. A configuración interior atende á procura da funcionalidade á vez que a unha certa ambigüidade de uso dos espazos que facilite o cambio e a apropiación por parte dos seus habitantes en cada unha das distintas etapas polas que seguro pasará a casa no futuro. Así mesmo, o traballo co volume e o trazado de relacións entre as pezas e cara ao exterior permiten acadar unha espacialidade intensa.
As limitacións económicas levaron a dirixir o gasto aos elementos relevantes e invariables como a envolvente ou o sistema de chan radiante, optando por solucións económicas para o resto, que poden ser melloradas e implementadas con posterioridade.
Finalmente, coa obra rematada, cabe salientar a importancia do diálogo e bo entendemento entre os donos, os técnicos e o construtor, o que permitiu incorporar durante todo o proceso achegas das distintas partes, acadando un resultado satisfactorio para todos.