Tenda e restaurante veganos A Factoría Verde

Data
2015
Situación
r/ Wenceslao Fernández Flórez, 3 A Coruña
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social
Xestión de obra
Hábitat Social

O proxecto nace dunha aposta persoal dos propietarios por achegar ao público a súa filosofía e coñecementos en relación á alimentación saudable e vegana. O programa de necesidades é amplo e consiste nunha zona de tenda a equipar con estantes, expositores e cámaras frigoríficas, outra de degustación de zumes e tapas, un comedor para uns 20 comensais onde sexa posible tamén impartir charlas e cursos, unha cociña cómoda (que se poida abrir e pechar ao comedor), e mais un faiado para oficina e almacenaxe. A interacción entre os diferentes usos, así como a flexibilidade para cambiar as configuracións ou a superficie destinada a tenda e a comedor, forman parte tamén dos requisitos a integrar no deseño.

Óptase por abrir á rúa o espazo dianteiro do local, buscando unha relación máis directa entre ambos. Tendo en conta a mestura de servizos ofertados no establecemento, este ámbito pénsase como un escaparate para os mesmos, concentrando tanto exposición de produto como mesas para a degustación. A continuación, intercálase unha nova fachada, transparente, que permite o acondicionamento climático do resto do local, á vez que o paso da maior cantidade de luz. Aínda que a iluminación natural é insuficiente na zona posterior, dada a profundidade, valórase como fundamental manter a referencia do exterior dende as áreas destinadas ao público. Proponse así un espazo continuo e claro para tenda e comedor nunha das coxías do local, deixando a outra (ocupada xa en parte polo portal do edificio) para os usos servidores e pechados. Sobre o mobiliario recae boa parte da responsabilidade da configuración de usos (flexibilidade no cambio de disposicións) e da imaxe do establecemento (a exposición de produto como decoración).

Procúranse solucións respectuosas co medio e coas persoas, empregando materiais naturais como a madeira, a cal, ou as fibras vexetais. No aspecto enerxético, trabállase sobre o illamento térmico xeral e sobre a eficiencia das instalacións, optando pola iluminación led para a totalidade do establecemento e por bombas de calor tanto para clima como para a produción de auga quente.