Reforma en autoconstrución de casa no Rodo

Data
2013-2016
Situación
Lugar do Rodo, Carballo
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social
Xestión de obra
Hábitat Social

Elena e Roberto, unha parella moza que buscaba mudar a vida na cidade polo campo, propuxéronnos participar no seu proxecto de rehabilitación da vella casa familiar. O inmoble, froito de distintos crecementos no tempo (non todos igual de afortunados), presentaba claros problemas de orientación, de relación coa parcela e de distribución interior. Así, o encargo pretendía a reorganización espacial da casa e a súa mellora en termos de habitabilidade e confort, empregando no posible criterios ecolóxicos. Os cartos eran poucos, pero existía a dispoñibilidade de ambos de aportar parte do seu tempo na obra. A nosa labor consistiría na redacción da proposta e na dirección e coordinación dos traballos.

A intervención comprendeu o reforzo estrutural do forxado, a mellora da envolvente térmica (muros, ocos e cubertas), e a execución de particións, acabados e instalacións. A solución espacial pasou por abrir a casa ao sur a través do oco da nova escaleira, peza central que comunica coa cuberta axardinada do nivel intermedio, por onde entran o sol e a luz ata a planta baixa, agora diáfana.

A complicidade e a inquedanza de Elena e Roberto permitiron que a obra servise para ensaiar diferentes técnicas de construción natural e solucións de baixo impacto ambiental, algunhas máis familiares para nós e outras menos (o cal tamén nos levou a incorporar a colaboración doutros especialistas). A nivel deseño, aplicáronse criterios de bioclimatismo (gañancias solares, illamento da envolvente, inercia térmica). Traballouse tamén dende unha lóxica da reciclaxe: baldosas, portas interiores, sanitarios, vellos colchóns de la (para illar o chan do baixocuberta), etc. En canto aos sistemas, a casa incorpora unha estufa de leña de alto rendemento (Ecofogar), carpinterías exteriores de madeira de iroko con certificado FSC, soleira de cal hidráulica alixeirada con cortiza en grao, cuberta vexetal extensiva, illamento de muros polo exterior con placa de cortiza, tabiques en pallabarro, revestimento exterior con morteiro de cal aérea, e revestimento de paredes e teitos interiores con barro, así como estucado e trencadís en partes dos baños. Toda unha oportunidade para aprender e divulgar vellas formas de facer.

Aínda que non se tratou dun proceso puro de autoconstrución, xa que se contou co apoio de distintos profesionais segundo a fase da obra (albanel, carpinteiro, electricista, etc.), Elena e Roberto foron, co noso asesoramento técnico, o motor do proceso: eles marcaron os tempos e eles mediron as súas capacidades ou necesidade de axudas. Un sistema de construción diferente, aberto e inacabado, con vantaxes (aforro, apropiación, expresión persoal...) e tamén inconvenientes (obra moi prolongada no tempo, ritmo irregular, maior risco en materia de seguridade, limitacións para acadar certas calidades...), que como arquitectos esixiunos mudar o xeito de pensar e de afrontar o proxecto: primando a obra sobre o documento, o diálogo sobre a toma individual de decisións, o noso papel como mediadores­xestores sobre o de técnicos­directores.

Etiquetas: Bioconstrución, Autoconstrución