Rehabilitación de vivenda en Guísamo

Data
2018
Situación
Guísamo
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social
Xestión de obra
Hábitat Social

Un reto profesional e persoal para a rehabilitación dunha pequena vivenda unifamiliar. Cómo ser arquitecta-usuaria-construtora sen volverse tola? Aparentemente debería ser doado, pero vivir nas túas propias carnes o proceso tendo ese dobre ou triple rol proporciona bastantes dores de cabeza. Finalmente, o resultado, pagou a pena.

Trátase dunha vivenda en Guísamo, realizada en autoconstrucción nos anos 80. Un rectángulo de 15x5m adosado aos muros da parcela e con orientación N-S no seu lado máis longo. Construción convencional de bloque de formigón, forxado de viguetas e bovedillas con fibrocemento, carpinterías de aluminio, etc. Bastante deteriorada pola falta de uso, con humidades debidas á entrada de auga e á falta de ventilación. A orientación non era boa posto que na fachada sur, a máis soleada, situouse o garaxe. Polo contrario, a finca ten unha boa orientación, é moi regular e ten mínima pendente cara o sur, con acceso e vistas tamén ao sur e protexida dos ventos. Ademais conta con árbores froiteiras e algunha outra árbore de gran porte situada estratéxicamente creando espacios especiais.

O desenvolvemento do proceso pasou por poñer en valor o existente, desenmarañar unha memoria de como chegou a ser o que é a través das pequenas “arqueoloxías” domésticas (tras moitos desbroces e limpezas), e por outro lado, tratar de atoparse nun novo espazo pseudorural para adaptarse a un entorno cuns ritmos un pouco diferentes aos da cidade, desacelerar e poñer atención no pequeno.

O desafío construtivo pasou por por rehabilitar o espazo sen ampliar a superficie existente encaixando as novas necesidades, optimizar ao máximo os recursos e utilizar materiais naturais. Para isto realizase unha intervención planificada en fases (ainda quedan algunhas pendentes) que ten como obxectivo principal mellorar o confort. De novo, aparece a autoconstrucion como forma de aforro, pero tamén como forma de experimentación e aprendizaxe coa materia física e cos procesos grupais. E ollo! tamén seguir coñecendo as súas limitacións (frustracións, tempos, perdas de paciencia, etc.)

O programa consta de salón-cociña, dormitorio, pequeno estudio e baño. A zona ocupada antigamente polo garaxe convirtese en salón-cociña abrindose á orientación sur. Desta maneira captase a radiación solar ao longo do día convertíndose en calor no interior da vivenda. A nova cuberta deste espazo é vexetal, realizada sobre unha estrutura de pórticos metálicos e pontóns de madeira. Conta cun aleiro ao sur que protexe do sol directo na época de verán e que deixa entrar o sol máis baixo do inverno.

O resto de estancias (baño, estudio e dormitorio) ubícanse a partir do salón-cociña, cara ao norte, e con todos os ocos orientados ao leste. Na fachada leste existía un porche cuberto con tella, que é substituido por unha cuberta de policarbonato transparente de forma temporal, permitindo unha maior entrada de luz a estas estancias. Nun futuro, a idea é convertir este espazo nunha galería que permita gardar a calor do sol da mañá e incorporalo ao interior da vivenda. Consérvase a cuberta orixinal desta zona co obxectivo de nunha próxima fase, realizar o encapsulado do material de acabado existente, que é fibrocemento, a través dun sistema de renovación consistente nun illamento con acabado adosado ás ondas do material. Desta forma dáselle unha segunda vida á cuberta sen manipular nin eliminar o fibrocemento (que é un proceso moi caro), pero sí limitando o contacto co mesmo e polo tanto evitando a súa toxicidade.

Para conseguir unha maior eficiencia térmica, íllanse todas as fachadas con dous sistemas diferentes: sistema de aillamento térmico polo exterior utilizando fibra de madeira e cal como revestimento final; e unha fachada ventilada con acabado en táboas de madeira de castiñeiro. O interior da vivenda revístese con revocos de barro en paredes e teitos (acabado con pintura de cal nalgunhas estancias), facendo así que exista unha maior regulación da humidade interior e que os paramentos garden parte da calor a través da inercia térmica que o barro lle confire aos mesmos. A madeira acabada con aceite está presente en todos os solos que son de tarima de castiñeiro sobre rastrel, así como nas carpinterías de portas en fiestras realizadas en pino, o que se reflicte nunha maior transpirabilidade do aire interior.

Realizase tamén unha renovación de todas as instalacións da vivenda (electricidade, fontanería e saneamento) e colócase unha estufa de biomasa que proporciona auga quente sanitaria e auga para os radiadores situados en cada estancia da vivenda. Nun futuro, a idea é complementar este sistema con paneis fotovoltaicos e poder prescindir da rede eléctrica.

A ventilación natural compleméntase cunha ventilación forzada no baño e no dormitorio, axudando á renovación de aire para evitar posibles humidades, o que nunca está de máis en Galiza.

Agora, toca seguir co mítico chabolo que nunca pode faltar nunha casa de campo.