Home / Experiencias / Arquitectura /
Situada a carón da casa familiar onde medrou, atopábase esta pequena vivenda, moito tempo abandonada, que Ángeles se decidiu a rehabilitar. Non había présa. Era máis importante o vínculo que a unía con ela, coas súas pedras e a súa penumbra, mais tamén cos valores dunha tradición e dun saber a piques de desaparecer. A intervención debería ser respectuosa, mantendo o carácter da casa e empregando materiais que non lle fosen alleos. Sería tamén un pequeno laboratorio onde ensaiar e recuperar técnicas construtivas.
Dadas as súas reducidas dimensións tanto en planta como de altura, as principais actuacións consistirán en incorporar como vivenda o corpo do alpendre (cun pequeno engadido semicircular que completa a superficie do novo baño, á vez que axuda a conformar a entrada á casa), rebaixar a cota do chan da planta baixa, encaixar un volume destinado a aseo da planta alta sobre o espazo da cociña, e mellorar a relación co xardín e a iluminación do estar mediante a apertura dunha porta na fachada leste.
Mantendo unicamente os muros de cachotería da casa, incorporouse unha estrutura de madeira para o forxado intermedio e o tellado. Este illouse con manta de fibra de madeira, ao igual que o trasdosado de cartón-xeso disposto polo interior dos muros de pedra que pertenceron ao alpendre. Escavouse na medida que a rocha o permitiu, e executouse unha soleira ventilada de pouco espesor. Para as carpinterías exteriores e interiores optouse pola madeira de castiñeiro. Como acabado das paredes interiores utilizouse o morteiro de arxila (procedente de Buño, nas proximidades) terminado con pintura de barro.
Os tabiques interiores e o tramo de cerramento novo do corpo anexo foron realizados mediante autoconstrución, a partir de senllos obradoiros que organizamos para dar a coñecer dúas técnicas. Para o cerramento exterior empregouse a do light-clay (palla solta mollada con barbotina de barro a modo de ligante, encaixada nun bastidor de madeira e colocada mediante encofrado) que ofrece un bo illamento térmico e consistencia suficiente ao secar; polo exterior protexeuse cunha fachada ventilada de castiñeiro. Para os tabiques optouse por diferentes variantes de entralazado, onde un bastidor visto de castiñeiro se cegou cunha mestura de palla e barro colocada sobre un tramado de varas ou barrotiños.
En canto ás instalacións, unha estufa de inercia situada no salón resolverá o quentamento da casa, aproveitando a leña dispoñible na propiedade. Tanto para a fontanería como para o saneamento evitouse o uso do PVC recorrendo a tubaxes de polipropileno. A instalación eléctrica deseñouse seguindo criterios de biocompatibilidade e empregou cables e tubaxes libres de halóxenos.
Etiquetas: Bioconstrución, Reforma, Formación