Reforma integral dun piso na Cidade Escolar

Data
2018
Situación
A Coruña
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social
Xestión de obra
Hábitat Social

Encargo dun amigo da cooperativa, con quen compartimos diversas inquedanzas e iniciativas, esta obra consistiu na reforma integral dun piso dos anos 60 situado na cidade escolar, na zona de Riazor e moi preto do paseo marítimo. O propietario conta cunha grande mobilidade xeográfica por motivos familiares e laborais, polo que nos pedía acadar un espazo cómodo e acolledor, que funcione ao mesmo tempo como refuxio e lugar de reunión para a súa xente.

A orientación e situación do edificio, coa fachada principal ao surleste e mirando a un parque con grandes árbores, ademais do programa de necesidades, definiron a súa distribución. Requiríase dun espazo diáfano que englobase os usos de día e contase cunha pequena zona auxiliar polivalente que admitise cambiar o seu uso segundo as necesidades futuras.

Tendo isto en conta, dispúxose esta estancia, a cal engloba á cociña cara a fachada principal, de maneira que obteña un maior aproveitamento da luz e funcione como núcleo central da vivenda. Asemade, nesta mesma fachada ubicouse tamén o dormitorio principal, o cal consiste nun amplo espazo que pode funcionar, ocasionalmente, como zona de traballo e que se conecta visualmente coa estancia principal a través dun panel corredeiro e unha xanela fixa (a cal permite, á súa vez, a percepción dunha maior profundidade para toda a vivenda e unha maior entrada de luz natural).

Por outro lado, as zonas máis privadas (un pequeno dormitorio e o cuarto de baño) orientadas á fachada traseira, diferencian o seu carácter a través da súa conexión co espazo principal, realizada mediante un distribuidor con menor altura libre que o resto da vivenda.

Desta forma, as divisións interiores reducíronse ao mínimo, xa que é a propia estrutura do edificio (piares e vigas dispostas no sentido transversal da vivenda) a que se tomou como referencia para delimitar as diferentes zonas, deixándoa ademais con acabado visto para conferirlle presenza.

Instálase no espazo aberto principal unha estufa de pellets que funciona como calefacción para toda a vivenda e proporciona a sensación de confort e refuxio que se busca. Ademais, o tabique que separa o dormitorio do salón realizouse con ladrillo revestido de barro para garantir unha maior inercia térmica, xa que recibe unha importante radiación solar ao longo do día, e desta forma, ten a capacidade de gardar o calor e ir liberándoo de maneira gradual, apoiando así o traballo da estufa.

En canto aos materiais empregados, procurouse utilizar aqueles que fosen máis respectuosos coa saúde e co medio ambiente buscando espazos cálidos e funcionais. A madeira está presente en pavimentos e divisións interiores conferíndolle continuidade aos acabados. Para as zonas húmidas, utilizouse un pavimento e revestimento vertical continuo, o micromorteiro de cal, que é impermeable, transpirable e de fácil limpeza.