Albergue de peregrinos en Arzúa

Data
2014
Situación
Avda. de Lugo, 133 Arzúa
Promoción
Privada
Xestión de obra
Hábitat Social

O encargo consistiu na adecuación dun baixo comercial situado na vila de Arzúa ó uso de albergue para peregrinos con capacidade en torno ás 50 persoas. Alongado e cunha única fachada, as características do local non eran as mellores para o desenvolvemento ideal da actividade, tendo en conta as súas limitadas posibilidades de relación co exterior e mesmo de ventilación e iluminación naturais.

A solución organizouse en dous ámbitos principais: o de zonas comúns (recepción, comedor-estar, baños) e o do dormitorio, ambos en contacto coa rúa. O elevado tráfico desta (estrada Lugo-Santiago) e o carácter residencial da actividade, leváronnos a interpoñer espazos colchón, capaces de ofrecer un certo grao de intimidade, á vez que asumir funcións complementarias (terraza, tendal, soportal de chegada) que axudasen a mellorar as calidades dun albergue urbano.

Un orzamento moi axustado implicou a adopción de solucións construtivas e formais de baixo custo, onde o uso directo e expresivo dos materiais (cortiza, taboleiro contrachapado, formigón pulido, ladrillo semimacizo, instalacións vistas, etc.), permitise acadar espazos funcionais e acolledores.

De novo nesta ocasión, a posibilidade de asumir xunto a dirección técnica da obra a súa xestión (contratación de oficios, organización de tempos), facilitounos un maior control do proceso e unha interacción máis directa co cliente, cos conseguintes abaratamento dos custos e mellora do resultado final.