Home / Experiencias / Arquitectura /
A idea de Alberto e Dani era transformar este pequeno baixo da rúa Porta de Aires, na Cidade Vella, nun espazo polivalente, nun dinamizador sociocultural que xirando entorno á un café e unha librería, dese cabida a exposicións, eventos e a unha sala de reunións. Cunha forte limitación de cartos (4500 €), o proxecto para Linda Rama consistíu nunha intervención de mínimos sobre un local existente (restaurante), onde a autoconstrucción, a reciclaxe e a posta en valor dos elementos dispoñibles foron determinantes.
A reforma centrouse en reordenar os espazos existentes adecuándoos ao novo uso, en potenciar os elementos característicos (muro medianeiro de pedra, entrada de luz posterior, etc.) e en incorporar o mobiliario necesario, tratando de acadar un ambiente cálido, íntimo e persoal.
Así, liberouse a zona intermedia do local para conseguir unha continuidade ata a sala de reunións, o que permitía á vez prolongar espacialmente a zona principal de café-librería. Descubriuse na súa totalidade o muro medianeiro de pedra, un lenzo que vai servir de soporte para os estantes dos libros e para as obras a expoñer. Así mesmo, deseñouse o mobiliario fixo e algunha das mesas atendendo á facilidade de montaxe polos donos, e completouse o resto do equipamento con material de segunda man.