Clínica dental S-Z

Data
2016
Situación
Avda. de Toques, 28 Melide
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social e Oja Arquitectura
Deseño
Sond3

Encargo da familia para habilitar un local en bruto como clínica dental. Desta volta, ademais de coa directa implicación do cliente (e irmán), contamos coa colaboración das compañeiras de Oja Arquitectura.

Respectando as condicións técnicas e funcionais (organización, hixiene, etc.) que supón o programa dunha clínica dental, tratamos de que o carácter dos espazos non recordase a unha delas. Así, o proxecto primou a busca dun ambiente relaxado, cálido e confortable, un contrapunto á tensión que a visita ao dentista provoca nos pacientes.

Os materiais, a iluminación natural e o control da relación co exterior son os protagonistas para acadar esta atmosfera. Dos primeiros non se valorou simplemente o aspecto (textura da madeira, cor do linóleo), senón tamén a súas cualidades sonoras (falso teito absorbente para minimizar as reverberacións) e olfactivas (cheiro da madeira e do aceite de liñaza). Abriuse un patio na parte posterior do local (para o que se demoleu parte do volume construído) como foco de luz natural para os gabinetes (zona de traballo) e como expansión visual dos mesmos. Finalmente, na fachada dianteira, filtrouse o contacto da sala de espera coa rúa (na procura de intimidade) empregando un sistema de lamas de cuarcita do país, que serve tamén de elemento de control solar (protexendo dunhas ganancias térmicas indesexadas nas tardes de verán), á vez que de argumento para xerar a imaxe externa do establecemento, unha imaxe abstracta, dinámica e variable (sol, punto de vista, clínica aberta/pechada).

En termos enerxéticos incidiuse, ademais de na protección solar dos ocos de ambas fachadas (lamas fixas na sala de espera, persiana de lamas regulables nos gabinetes), no illamento térmico xeral e na eficiencia das instalacións (chan radiante con bomba de calor; recuperador de calor para o sistema de ventilación mecánica, lámparas led).

Etiquetas: Proxectos