Centro de formación artística Laboratorio Escénico

Data
2019
Situación
Montealto (A Coruña)
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social
Xestión de obra
Hábitat Social

Logo dunha tempada á procura dun espazo que cumprise os requisitos, as nosas amigas Carmen e Alba atoparon un baixo no barrio de Montealto onde poñer en marcha o seu Laboratorio Escénico, un centro de formación en artes escénicas (teatro, danza, música) en formato de cooperativa.

O local, de 260 m², moi alongado e con luz cenital na súa parte posterior, permitía albergar unha sala grande e diáfana (a destinada a danza), así como acoller o resto do programa: sala de teatro, aula de música, recepción, oficina, vestiarios, etc.

A extraordinaria limitación orzamentaria para acometer unha obra de considerables dimensións partindo case de cero constituía o principal reto do proxecto.

A nivel técnico, a maior esixencia viña dada polo elevadísimo illamento acústico necesario para a sala de música, que levou a unha solución de tipo box-in-box, que permitiu acadar máis de 90 dBA respecto ás vivendas superiores. Tamén a sala de danza necesitaba dun pavimento específico, non só en canto ao acabado senón ao seu soporte, con características determinadas de elasticidade e adherencia. Neste caso, optouse por un sistema autoconstruible, de baixo custo, e non exento de riscos (polo que tiña de experimental), a base de seccións de ‘churros’ de piscina, dúas capas de taboleiro e un acabado típico para estes usos de lámina de PVC en rolo (existe información detallada sobre o sistema e o proceso neste enlace). Así mesmo, a profundidade do local excedía o máximo permitido pola normativa de incendios para unha única saída dispoñible, o que levou a propoñer unha circulación interior cun tramo final de corredor protexido ata a fachada.

As principais estratexias desenvoltas para poder materializar o proxecto (o investimento final da obra reduciuse a 65 mil euros máis ive) consistiron na recuperación/adaptación dos poucos elementos existentes aproveitables (cristaleira de fachada, mampara de oficina, pavimento de terrazo), na redución/eliminación dos acabados (pintura basicamente), no emprego do ladrillo perforado visto como elemento caracterizador que ademais proporciona absorción acústica, e na incorporación da autoconstrución para certas facetas da obra (chan da sala de danza, parte do pintado).