Casa prefabricada de madeira en Teixeiro

Data
2020
Situación
Teixeiro, Curtis (A Coruña)
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social

Esta pequena vivenda (segunda residencia para unha parella) abriunos a posibilidade de experimentar coa prefabricación (parcial e por elementos), a partir de sistemas baseados na madeira, testando solucións que conxugasen os principios da bioconstrución coas lóxicas e virtudes da construción en taller: rapidez, optimización de recursos, control de calidade, etc.

Traballamos con módulos prefabricados de entramado lixeiro de madeira, tanto para as fachadas como para a cuberta. Os módulos de fachada son portantes e constan dun bastidor e=15 cm, dobre taboleiro, illante de fibra de madeira no interior, panel de cortiza e=4 cm polo exterior (como soporte do recebo de acabado de cal a aplicar en obra) e mais barreira de vapor e rastrelado polo interior (para recibir un trasdosado de cartón-xeso en obra). Os de cuberta están formados por bastidor e=20 cm recheo de illante de fibra de madeira, barreira de vapor, e dobre taboleiro (o interior un contrachapado visto). Os restos das seccións das pezas de madeira empregadas nestes bastidores aproveitáronse para prefabricar tamén a subestrutura dos tabiques lixeiros e mais parte do rastrelado do chan. O conxunto da estrutura, cerramentos, cuberta e subestrutura de tabiques foi realizado en taller, montado, comprobado, desmontado e trasladado a obra, onde se volveu ensamblar e recibiu acabados e instalacións.

A conxuntura económica derivada do covid e da guerra de Ucrania (escalada de prezos) levou á creba a empresa construtora no medio da obra, o que trastornou os plans e obrigou a improvisar novas contratas e adaptar as solucións, froito do cal a obra se prolongou no tempo e implicou un esforzo extra tanto para a Propiedade como para o equipo técnico, deixando algunhas das buscas iniciais nun segundo plano.

En canto ao deseño da vivenda, o investimento dispoñible era moi axustado polo que a casa naceu dun programa de mínimos, que debía desenvolverse nunha única planta, e incorporar obrigatoriamente un porche. Aínda que existía a intención evidente de que a parcela fose unha prolongación do uso e desfrute da casa, non sería obxecto de intervención inicialmente, quedando o seu acondicionamento para etapas posteriores.

Dada a reducida escala da vivenda, optouse por unha peza simple e clara, que primaba por unha banda a orientación S/SE do eixo principal da parcela á vez que intentaba aproveitar a caída do terreo cara o leste para poder introducir unha vista lonxana mesmo por riba do peche da parcela contigua. O bo asollamento nas horas centrais do día xunto coa protección dos ventos dominantes nas épocas non estivais determinaron a posición do porche en relación á casa. Como consecuencia, a casa atopa a súa posición na parcela, atrasándose para configurar nesta un ámbito anterior suficientemente grande como para resolver as principais funcións (aparcamento, desfrute, depuración de augas residuais), ao que se abre o porche e polo que se accede á vivenda.

Interiormente, a casa trata de compensar a limitación de superficie coa altura das pezas e o desfrute do maior volume que permite a solución con cuberta a dúas augas. Márcase unha posición central para a estufa como elemento en torno ao que se organizan os distintos espazos, cunha lóxica de fogar (xermolo), á vez que para optimizar o quecemento da vivenda. Esta centralidade vese reforzada coa posición dun oco na parte alta do tellado, que introduce luz e sol de xeito controlado, compensando o excesivo efecto de sombra que provoca a profundidade do porche.

Etiquetas: Bioconstrución, Prefabricación