Casa de palla en Corme

Data
2018-2021
Situación
Aldea de Corme (Ponteceso)
Promoción
Privada
Proxecto
Hábitat Social

Interesados na bioconstrución e con coñecementos previos sobre algunhas das súas técnicas, unha parella de mediana idade trasládanos o encargo do que queren sexa o fogar onde desfrutar do seu vindeiro retiro. As necesidades son poucas: zona de día cun pequeno estudio-biblioteca e zona de noite formada por un cuarto para eles e outro para recibir convidados. Os principios a ter en conta son máis: minimizar o impacto ambiental da casa, autonomía enerxética, xestión das augas residuais na propia parcela, etc. Existe un desexo expreso de empregar a construción con palla, os tellados verdes e o sistema de water seco. A parcela atópase na beira sur da Aldea de Corme, na faldra do val do Guxín, con boa orientación e vistas que se abren a poñente sobre a ría.

A casa implántase na parcela buscando unha zona elevada e ao norte, de xeito que se libere un espazo amplo na finca adicado ao lecer e a un pequeno horto, ben soleado e cara onde as augas poidan discorrer por gravidade (as grises para ser tratadas no leito de fitodepuración e a de choiva reutilizada para o rego). Está organizada ao redor dun espazo central formado pola cociña e o estar, con todo o programa en planta baixa a excepción do estudio-biblioteca, que se eleva asomándose na procura da perspectiva sobre a ría. Aproveitando as facilidades do emprazamento, vanse aplicar os principios básicos bioclimáticos: orientación principal sur-sueste con predominancia de ocos nesta fachada para unha maior captación solar durante o inverno, e voo protector calculado para proxectar sombra sobre estes nos meses de verán.

Unha casa de palla
Tras algunhas experiencias previas do uso da palla como material de construción, todas de pequena entidade, este encargo supuña para nós un reto (aprendizaxe, responsabilidade) mais tamén unha oportunidade para avanzar na exploración doutras técnicas baseadas na palla e para a súa utilización nun edificio completo. En concreto aquí, xa que era unha técnica coñecida tanto polos promotores como polo equipo que ía asumir a súa execución (Ovejero e Michi), vaise optar polo sistema CUT (cells under tension) para as fachadas, onde a palla non asume función portante senón que queda encaixada e comprimida entre unha estrutura lixeira de montantes de madeira, rixidizándoa e conformando o cerramento.
Ademais, decidimos levar a palla tamén á cuberta, de xeito que o seu elevado nivel de illamento se estendese a toda a envolvente. Esta cualidade, a do illamento térmico (case 35 cm de espesor dun material cunha condutividade só un 40% máis alta cá da maioría dos illamentos convencionais), xunto co feito de tratarse dun subproduto agrícola, renovable, cun nivel de emisións asociadas case nulo (para este proxecto empregouse palla de trigo de Carral, situado a 65 km da obra) e barato, constitúen sólidos argumentos a favor da súa incorporación nas edificacións.
Evidentemente existen contrapartidas, como a escasa man de obra especializada, a cada vez menor dispoñibilidade de balas cun formato axeitado na nosa contorna ou os prexuízos cara un material deste tipo. Tamén, hai que ter en conta que se trata dun material sensible (humidade, roedores), mais coas precaucións axeitadas de deseño e de control de calidade das balas non debe supoñer un risco. Neste casa por exemplo, ademais do emprego de voos e unha sobrecimentación que a eleva do terreo, o seu emprazamento fortemente exposto aos temporais do suroste levou a tomar a decisión de reforzar a solución da fachada máis afectada antepoñendo unha protección extra con táboa de madeira ventilada (empregada tamén no volume superior) a modo de pantalla.

Sistemas construtivos
- estrutura de madeira: laminada de abeto, serrada de piñeiro roxo, viguetas compostas I-Joist, taboleiro hidrófugo Superpan Tech5 (baixas emisións de COV's).
- cimentación de formigón en masa (de cemento, tras intentos infrutuosos de conseguir subministración dende central dun formigón de cal hidráulica)
- sobrecimentación de bloque de termoarxila tomado con morteiro de cal hidráulica
- soleira ventilada de cúpulas de polietileno reciclado
- cuberta verde
- recrecido de chan con mestura illante de cal hidráulica e palla
- cerramento e entrevigado de balas de palla de trigo
- tabiques de barro alixeirado (barro+palla) encofrado
- carpinterías exteriores de madeira de castiñeiro
- revoco exterior de acabado de morteiro de cal hidráulica natural (Gordillos)
- fachada ventilada de madeira de castiñeiro queimada
- recebos interiores de barro (arxila de Buño)
- lasures ao auga ecolóxicos
- tratamentos protectores da madeira ao interior con sal de bórax
- conducións de fontanería e saneamento de polipropileno
- canalizacións eléctricas libres de halóxenos (apantalladas en zonas de cabeceiros de cama)
- water seco
- depuración de augas grises con humidal de fluxo horizontal subsuperficial con macrofitas
- sistema autónomo de paneis fotovoltaicos
- sen calefacción (previsión de cheminea para posible estufa)

Etiquetas: Bioconstrución, Proxectos