Presentación

Sobre o Obradoiro

A Principal intención do obradoiro é mostrar a capacidade de incisión na realidade dende o diagnóstico crítico do territorio e o posicionamento profesional comprometido. As liñas de acción principais son duas:
1. Debullar as dinámicas e relacións que se producen nunha área concreta d’A Coruña metropolitana, describindoa de maneira crítica e avaliando o papel dos diferentes actores e intereses que inflúen no devir do territorio.
2. Investigar nos modos de ver e analizar o hábitat humano, con unha dobre intención: sistematizar o proceso a través dunha metodoloxía que poida estrapolarse a outras zonas, e experimentar novas formas de intervir no territorio con criterios de xustiza social e desenvolvemento comunitario.

O Territorio

O borde litoral da Coruña é un espazo de forte significación para a cidade, que tradicionalmente ten amosado a súa capacidade de capta-la atención da opinión pública e xerar controversia. A recente convocatoria dende o Concello dun concurso de ideas para a ordenación do paseo marítimo no ámbito da Enseada do Orzán volve a poñelo de actualidade.
A posibilidade de aportar e incidir neste debate, ofrece ó obradoiro a oportunidade de transcende-lo plano teórico acadando unha aplicación directa na realidade urbana, o que nos leva a propoñe-lo cambio da área de análise dende Elviña á Enseada do Orzán.
Aquí, atoparémonos cun espazo central da cidade, un espazo consolidado e representativo, que baixo un paseo marítimo homoxéneo e uniformizador agocha unha realidade complexa e diversa que intentaremos desvelar.

Procedemento

Afondaremos no uso dos diferentes tipos de fontes de información a disposición pública. Estamos a falar de fenómenos urbanos reais e contemporáneos (fora dos libros de historia), polo que haberá que empregar múltiples ferramentas: dixitais (hemerotecas, foros, redes sociais, etc.), convencionais (bibliografía especializada, lexislación, etc.) e in situ (traballo de campo, construción de narrativas do territorio a partir das voces dos habitantes, inclusión das subxectividades que aparezan durante o proceso de análise, etc.).

O traballo realizarase de maneira colaborativa, mediante grupos de análise, debate e discusión.


Aberto o prazo de inscripción do Obradoiro e das xornadas de «Habitat a escala humana». Podes facelo aqui. A convocatoria está aberta a todas as persoas que queiran participar.

Programa do Obradoiro:
Venres 14 Outubro. 16:00 h. Presentación do Obradoiro
Sábado 15 Outubro. 10:00 – 14:00 h Debate sobre a metodoloxía / Traballo de campo / Grupos de deriva
Xoves 20 Outubro. 16:00 – 21:00 h Sesión de traballo comunitario
Sábado 22 Outubro. 10:00 – 14:00 h Traballo de campo / Grupos de deriva
Xoves 27 Outubro. 16:00 – 21:00 h Sesión de traballo comunitario
Venres 28 Outubro. 19:00 – 20:30 h Presentación das conclusións do obradoiro

Organiza Hábitat Social Cooperativa galega
contacto en info@habitatsocial.coop

Deixa unha resposta