Roteiro sabado 15

Trala presentación do venres na ETSAC, este sábado pola mañá tivo lugar a primeira das xornadas do obradoiro de análise crítica. Estivo organizada en dúas partes.

A primeira delas, cun carácter introdutorio, consistiu nunha presentación sobre o que podería ser unha metodoloxía para unha análise deste tipo, xunto cunha exposición de diferentes exemplos de cartografías críticas.

Aproveitando o bo tempo, a segunda levounos a percorrer a modo de deriva o ámbito de estudio (o borde litoral da Enseada do Orzán) dende a Domus ata o Millenium. A intención era a de tomar contacto coa realidade a analizar, de xeito que fose posible comezar a recibir impresións e intuír algúns aspectos relevantes. Organizouse en torno a cinco paradas estratéxicas nas que se apuntaron diversas consideracións, como os impactos do paseo marítimo sobre o medio natural e sobre a cidade (desaparición dos barrios de Matadeiro e San Roque de Afora), o papel deste como motor de crecemento (especulativo) doutras áreas (Monte Alto, Os Rosais) ou mesmo como eixo vertebrador dunha estratexia de imaxe de cidade (equipamentos, fitos, tranvía, etc.), así como a existencia de espazos públicos residuais que adquiren un uso non previsto, presentando unha grande potencialidade.

This entry was posted in Documentación. Bookmark the permalink.

Deixa unha resposta