Presentación

A conxuntura actual de posta en cuestión de moitas das prácticas extendidas e mesmo dos nosos hábitos cotiáns lévanos, no eido da definición física do hábitat, a indagar no emprego de técnicas alternativas de construción, na procura de solucións efectivas e verdadeiramente respectuosas co medio e coas persoas.

Este obradoiro sobre revestimentos constitúe o segundo dunha serie de cursos específicos que estamos activando dende Hábitat Social (www.habitatsocial.coop), e que van orientados á recuperación e difusión de técnicas naturais tradicionais (palla, adobe, cubertas vexetais, etc.). Trátase de sistemas experimentados cunha larga traxectoria (non sempre local) que nas últimas décadas foron desprazados por outros industriais, mais que supoñen unha opción de futuro cara unha edificación sostible.

No caso deste obradoiro afondaremos no coñecemento dos revestimentos de barro e das pinturas naturais, (silicatos, resinas vexetais, etc.), materias todas elas de orixe local, renovables, con interesantes cualidades, que esixen pouca transformación, e que por distintos intereses e inercias non ocupan o lugar que merecen dentro das técnicas habituais. Ben en interiores ou exteriores, en obra nova ou rehabilitación, en aplicación por profesionais ou por autoconstrutores, estes revestimentos son unha clara alternativa a cementos, xesos, resinas sintéticas, etc.

Dirixido a profesionais do sector da construción (técnicos, estudantes, operarios) e autoconstrutores, o obradoiro está aberto ó público en xeral, xa que non se precisa experiencia previa. Estrutúrase en dous módulos que se poden cursar conxunta ou independentemente: un primeiro centrado en revocos de barro que inclúe tamén un achegamento á cal, e outro posterior dedicado a pinturas naturais. En ambos combínase a teoría e a práctica, e apórtase material didáctico.

cartaz 4.3_01_low

Deixa unha resposta