Category Archives: Sen categorizar

Formación sistemas de construción natural

Hábitat Social, continúa a formación en sistemas de construción natural.
Estamos preparando un obradoiro para finais de verán, e queremos que se adapte o máximo posible ás expectativas que moitas de vós xa nos fixestes chegar. Por iso deixamos aquí un esbozo do que pretendemos facer para que nos deades a vosa opinión sobre os contidos e sobre o calendario proposto.
Pensamos nun obradoiro orientado á autoconstrución, no que en varias fases construiríase a estrutura básica dunha pequena edificación duns 40 metros cadrados, con posibilidade de tocar incluso a execución das instalacións.
O obradoiro sería eminentemente práctico, aínda que pretendemos proporcionar nocións teóricas, tanto xerais (criterios básicos de deseño, aspectos legais…) como concretas sobre os oficios impartidos.

Trataríase, en definitiva, dun Obradoiro de achegamento á construción natural para autoconstrutor@s, que estaría dividido en módulos independentes:

– O primeiro módulo será o referido á estrutura, tocando a palla como elemento estrutural en combinación coa madeira.
– O segundo ocuparíase da cuberta, resolta cun sistema de cuberta viva, ou vexetal.
– O terceiro ocuparíase de acabados, a través dos revocos de barro e as pinturas naturais.
– O posible cuarto módulo sería de instalacións: saneamento, electricidade, produción enerxética, calefacción e fontanería.

O calendario que propoñemos divide o obradoiro en 6 fines de semana, entre os meses de agosto e setembro.
Temos unha ubicación posible para o seu desenvolvemento, na zona de Laracha (comarca de Berganitiños, na provincia da Coruña) aínda que pensamos abrir un proceso para tentar axustar os custos de inscrición, buscando xente interesada en apoiar o curso económicamente coa contrapartida da construción da edificación en terreos da súa propiedade.
Por todo isto, pedímosvos opinións e suxerencias así como que nos mostredes o voso interese, tanto como participantes como hipotéticos promotor@s, no correo info@habitatsocial.coop

Posted in Sen categorizar | Leave a comment