UD_01_

Unidade didáctica “Dereito ao hábitat”

Despois duns meses sen achegar novas a este espazo (en boa medida como consecuencia dunha crecente actividade na cooperativa, o que nos esixiu concentrar a dedicación nos proxectos en marcha), queremos retomar a comunicación e presentarvos algúns dos froitos deste período.

Así, vimos de facer entrega da unidade didáctica ‘Dereito ao hábitat’ a Arquitectos sen Fronteiras, quen nos encargara a preparación deste material escolar dentro da súa liña estratéxica de Educación para o desenvolvemento. O propósito da unidade é o de funcionar como complemento á temática referente aos Dereitos Humanos dentro da materia de Educación para a cidadanía e outras afíns do curso de 4º da ESO.

O encargo consistiu en deseñar unha guía entorno ao concepto do ‘dereito ao hábitat’, que incluíra unha aplicación TIC. A proposta foi a elaboración dun material para o profesorado (libro e Cd) que permitise un achegamento do alumnado a conceptos como a complexidade do hábitat, a construción colectiva do mesmo ou as características dun hábitat axeitado.

A través dunha metodoloxía onde prima a compoñente práctica baseada no cartografiado das realidades máis próximas ao alumnado, preténdese impulsar unha reflexión sobre algúns conceptos relacionados co hábitat. O contido estruturase en 3 fases: unha primeira sesión na que se pon en contexto a temática e se explica o traballo a realizar; unha segunda sesión de traballo individual onde se emprega a ferramenta dixital de cartografiado ‘Crowdmap’; e unha terceira deposta en común e debate sobre as conclusións.

Todo o material producido é de libre descarga e podedes empregalo se o considerades oportuno.

Podedes consultalo aqui