avegana_01_

Tenda vegana en Coruña

Antes de entrar de cheo no ritmo acelerado que acompaña aos proxectos, queremos sacar algún tempo para irvos amosando as novidades que (por sorte) foron chamando á porta da cooperativa nas últimas semanas.
Así, comezamos coa presentación dunha nova reforma dun baixo comercial, desta volta na Falperra: o que fora o local de Bodegas Ribadavia.
Jose Luis e Maite propóñennos outro deses retos de mestura de usos que tanto nos gusta (e que ultimamente vaise facendo habitual…). Cun forte interese pola alimentación saudable e cun coñecemento moi amplo da cociña vegana (http://cocinavegetariano.blogspot.com.es), lánzanse á aventura de crear un espazo de referencia na cidade no que teñan cabida por unha banda a venda de produto ecolóxico (fresco, granel, envasado e refrixerado) e por outra a degustación de pratos e zumes elaborados por eles, facendo un oco, ademais, para a formación e a sensibilización a través de cursos de cociña, presentacións e proxeccións.
Despois de percorrer diferentes barrios da cidade na procura dun local que reunise as condicións axeitadas (tamaño, situación, prezo, saída de fumes da cociña), e cun chisco de asesoramento noso, optaron por este. Como tampouco podería ser doutra maneira, o baixo non está exento de condicionantes: estreito e profundo, sen luz natural na parte posterior… Deixamos algunhas imaxes do seu estado actual. E xa nos poñemos man á obra. Xa comeza a cabeza a bulir…