mato_07

Rehabilitacion vivenda en terra

Esta casa xurde do desexo dunha parella, que atopan na zona de Lemos o lugar no que desexan  instalarse permanentemente para desenvolver os seus intereses persoais, estando en contacto  continuo coa natureza e seguindo os principios da permacultura. A parcela atópase nunha zona bastante illada, rodeada dunha paisaxe fermosa en plena natureza.

Partindo das preexistencias da parcela, a intención é rehabilitar a antiga vivenda e ampliala para cubrir as necesidades actuais dos novos habitantes, creando un hábitat saudable e consciente co entorno. Inicialmente, procurase un sistema de construción natural que sexa apropiado ao lugar, e que na medida do posible sexa de baixo custe. A primeira opción foi o tapial, sistema de  construción con terra encofrada que se utilizaba tradicionalmente na zona de Lemos. Pero a día de hoxe non existen construtores locais que manexen esta técnica. Perante este inconvinte óptase polo sistema de cob (sistema manual de terra moldeada con machete) para a reconstrución dos muros principais. Tanto o tapial como o cob ofrecen unhas cualidades moi similares.

Os materiais e a man de obra son na súa maioría de procedencia local (terra, pedra, madeira de  castiñeiro, etc.) coa intención de poñer en valor os saberes tradicionais, facendo que o impacto medioambiental sexa mínimo ao aforrar desprazamentos e enerxía no seu proceso de elaboración, e que a inversión revirta económicamente na zona.

Ademais, a través do deseño bioclimático da vivenda e a utilización de materiais naturais, búscase optimizar o funcionamento da mesma. Para esto empreganse criterios como a orientación e  apertura ao sur para aproveitar a luz e calor do sol, a inercia térmica a través dos muros de terra e pedra de 60 cm para a conservación da calor, a cuberta vexetal como aillante, materiais transpirables e higroscópicos como arxila e cal para a regulación da humidade… E por outro lado, buscase tamén o aforro enerxético e a reciclaxe a través dos sistemas de instalacións: un sistema de paneis solares que cubre a demanda necesaria de electricidade, a instalación de baños secos (que non necesitan auga e o material orgánico pode reutilizarse como abono), a reciclaxe de augas grises a través da depuración natural e a utilización de estufa de biomasa para calefactar a vivenda.