IMG_5573

Rehabilitación vivenda en Laxe

Ainda que xa pasou un tempo dende que rematou o noso traballo en Laxe, vos ensinamos algunhas imaxes recén rematada a obra, cando deixaba de selo e comezaba a ser o fogar que agora é.

A familia de Esperanza e Luís querían recuperar esta edificación para o seu desfrute vacacional. Dende o inicio teñen claro que queren sacarlle partido ao espazo libre, crear espazos de reunión e habitala por unha familia numerosa. A situación da ruína preexistente, e a orientación da parcela, facilitaron que o programa se distribuíse buscando a conexión co xardín e os usos de relación na planta baixa, e os usos nocturnos na planta alta.

A estancia principal é un espazo aberto que ocupa a totalidade da planta da construción orixinal, comunicada con cociña, lareira e xardín, ao cal tamén se accede dende a sala polivalente do novo volume da ampliación, que serve de recibidor e conexión de espazos exteriores.

Respectouse o sistema construtivo tradicional adaptando certos elementos a tecnoloxías actuais. Mentres se mantiveron os muros de pedra orixinais na edificación rehabilitada, na ampliación realizáronse muros de termoarxila, en ambos casos con estrutura de vigas, pontóns e táboa de madeira. As fiestras e porta de entrada de madeira en todos os ocos salvo nas portas ao xardín, cun ancho maior, de aluminio. Empregáronse dous tipos de pavimentos interiores, tarima de castiñeiro nas estancias secas, e solo continuo de cal nas húmidas, incluindo a entrada.

No exterior crearonse espazos para a terraza vencellada ás estancias interiores, para tendedeiro, para o acceso traseiro e para unha construcción auxiliar, deixando o resto como espazo libre axardinado, equilibrando a privacidade co soleamento.

Recuperaronse o forno e o pozo existentes, e a lareira acondicionouse para saida de fumes da estufa de leña de planta baixa e de pellets de planta alta.

A obra realizouse por administración, o que posibilitou ter maior control sobre os custes e rebaixar notablemente o de execución material.