Home / Novas /

Proxecto de casa de palla en Ponteceso

12/09/2018

Despois duns meses de traballo, vimos de entregar o proxecto de execución desta casa na Aldea de Corme, que baseamos en criterios de bioconstrución, e que ten na palla, xunto coa madeira, o barro e a cal, os seus principais ingredientes.

Trátase dunha pequena vivenda, de apenas 75 m2, para unha parella que procuraba un espazo cómodo, confortable e san, construído co máximo respecto á natureza, e no que eles mesmos puidesen participar da súa execución. Situada nunha parcela duns 850 m2 no borde do núcleo da Aldea de Corme, a casa debía desenvolverse en planta baixa aínda que existía o desexo de dispor dunha biblioteca-mirador nun nivel superior que permitise gozar das vistas da costa que se abren cara o suroeste. Ademais da opción da bioconstrución e da autoconstrución (parcial), tamén forma parte da filosofía das propietarias a procura da autosuficiencia, polo que a pesar de contar a parcela cos servizos de electricidade e saneamento, a proposta debía contemplar o autoprodución fotovoltaica e a xestión das augas residuais.

Dado o limitado do programa e da superficie, a casa organizouse en torno a un único espazo central que congrega os usos de día e ao que se abren os dormitorios. Procurouse unha planta compacta, orientada ao S-SE, e moi ben illada, coas aperturas principais nesta fachada para maximizar ganancias solares, e con ocos estratéxicos na O-SO para introducir a paisaxe na casa. Os profundos voos responden a unha lóxica construtiva (protección das fachadas da chuvia), por unha banda, á vez que ofrecen control solar no verán (fachada sur) e permiten albergar elementos auxiliares exteriores (lavadoiro, tendal, galiñeiro, leña… na fachada norte), por outra.

A partir do volume simple da casa, agárdanse crecementos futuros (galería-invernadoiro, porche, emparrado, etc.) que lle confiran organicidade e engadan novas relacións coa parcela, coa que forma un todo (horta, produción solar, captación de auga, depuración de augas residuais, etc.).

A nivel construtivo, de acordo coa propiedade, propuxemos técnicas e sistemas de baixo impacto (algunhas xa experimentadas por nós e outras non) empregando no posible materiais renovables/reciclables, sans e con pequena mochila de enerxía de fabricación. Buscouse así mesmo a máxima eficiencia enerxética mediante a aplicación de técnicas bioclimáticas.

A partir do volume simple da casa, agárdanse crecementos futuros (galería-invernadoiro, porche, emparrado, etc.) que lle confiran organicidade e engadan novas relacións coa parcela, coa que forma un todo (horta, produción solar, captación de auga, depuración de augas residuais, etc.).

A nivel construtivo, de acordo coa propiedade, propuxemos técnicas e sistemas de baixo impacto (algunhas xa experimentadas por nós e outras non) empregando no posible materiais renovables/reciclables, sans e con pequena mochila de enerxía de fabricación. Buscouse así mesmo a máxima eficiencia enerxética mediante a aplicación de técnicas bioclimáticas1.

Cabe destacar o emprego dos seguintes sistemas:

  • cerramento non portante de balas de palla (sistema CUT2)
  • cuberta verde extensiva con balas de palla como illamento3
  • estrutura de madeira4
  • cimentación en masa de formigón ciclópeo de cal hidráulica
  • soleira ventilada sen armar de cal hidráulica sobre cúpulas de polietileno reciclado
  • revestimento de paredes a base de barro no interior e cal aérea no exterior
  • váter seco de tipo composteiro5
  • sistema natural de depuración de augas grises de tipo humidal de fluxo subsuperficial
  • estufa de leña
  • paneis fotovoltaicos con acumuladores
  • tabiques interiores de entrelazado (bastidor visto de castiñeiro con armazón de varas/barrotillo e recheo de barro con palla)

A partir de agora toca iniciar a planificación dunha obra cuns ritmos singulares derivados tanto do proceso de autoconstrución como do emprego de certos materiais non industrializados. Por exemplo, a execución de cubertas e cerramentos deberá agardar ata a recollida do cereal do vindeiro verán para dispoñer da palla; ou na primavera haberá que facer provisión de varas de plátano ou salgueiro para a execución dos tabiques de entrelazado no outono.

Notas:

1. A clasificación resultante é A, tanto para a demanda enerxética, como no relativo ás emisións de C02.
2. CUT: sistema de cerramento mixto de palla e madeira consistente en balas de palla apiadas e comprimidas en columnas entre montantes; estes estabilizan o cerramento á vez que poden asumir a función portante (cargas de plantas superiores); estruturalmente, as balas achegan arriostramento ao conxunto. O nome do sistema procede das siglas en inglés de célula baixo tensión (Cell Under Tension), en referencia á compresión vertical e horizontal á que se somete ás balas durante a súa montaxe.
3. A condutividade media da palla embalada é 0,056 W/mk, preto dos valores 0,030 – 0,040 nos que se moven a meirande parte dos materiais illantes empregados na construción. Os grandes espesores do sistema 35-50 cm en función da colocación das balas deriva nun valor de resistencia térmica moi elevado. Ademais, a inercia térmica achegada polo revestimento interior das paredes (en torno a 5 cm de barro) xunto coa súa elevada higroscopicidade (a capacidade de regulación da humidade interior fai que esta se manteña en valores máis baixos do habitual, co que a sensación térmica de confort acádase a temperaturas máis baixas), complementan o bo comportamento térmico do cerramento.
4. Combínanse muros de armazón lixeira (montantes do sistema CUT, de piñeiro silvestre) nas fachadas leste e oeste, con pórticos de poste e viga (de madeira de castiñeiro); a nivel de forxado, aparecen pontóns macizos nos voos e viguetas compostas con sección dobre T de madeira microlaminada no resto das cubertas (moi lixeiras dada a súa esvelteza, froito da altura necesaria para aloxar as balas de palla no entrevigado).
5. Denomínase seco porque non emprega auga para a eliminación dos residuos, e de tipo composteiro porque a degradación da materia orgánica ata acadar abono (compostaxe) ten lugar no propio elemento. Este consiste en dúas cámaras independentes con capacidade suficiente para que unha delas estea en uso como váter e se vaia enchendo mentres que na outra, xa chea, teña lugar o proceso de compostaxe, unha vez finalizado o cal, baleirarase e alternarase o uso das cámaras.

Etiquetas: Proxectos, Bioconstrución