IMG_0056_

O Albergue de Selmo

Vimos de rematar un proxecto de reforma para un albergue de peregrinos no Camiño Francés de Santiago. A falta de retoques e pequenos cambios que irán xurdindo co uso, xa podemos amosar algunhas imaxes dos primeiros días de funcionamento.

O encargo consistiu na adecuación como albergue con capacidade para unhas 50 persoas dun baixo comercial situado no centro urbano de Arzúa. Alongado e cunha única fachada, as características do local non eran as mellores para o desenvolvemento ideal da actividade, tendo en conta as súas limitadas posibilidades de relación co exterior e mesmo de ventilación e iluminación naturais.

A solución organizouse en dous ámbitos principais: o de zonas comúns (recepción, comedor-estar, baños) e o do dormitorio, ambos en contacto coa rúa. O elevado tráfico desta (estrada Lugo-Santiago) e o carácter residencial da actividade, leváronnos a interpoñer espazos colchón, capaces de ofrecer un certo grao de intimidade, á vez que asumir funcións complementarias (terraza, tendal, soportal de chegada) que axudasen a mellorar as calidades dun albergue urbano.

Un orzamento moi axustado implicou a adopción de solucións construtivas e formais de baixo custo, onde o uso directo e expresivo dos materiais (cortiza, taboleiro contrachapado, formigón pulido, ladrillo semimacizo, instalacións vistas, etc.), permitise acadar espazos funcionais e acolledores.

De novo nesta ocasión, a posibilidade de asumir xunto a dirección técnica da obra a súa xestión (contratación de oficios, organización de tempos), facilitounos un maior control do proceso e unha interacción máis directa co cliente, cos conseguintes abaratamento dos custos e mellora do resultado final.

Unha reflexión sobre “O Albergue de Selmo

Os comentarios están pechados.