galiña_02-900x460

#fuxirdocentro

Reflexións en torno a outro modelo (autónomo) de habitar

“Se a forma capitalista de urbanización está tan plenamente inserta na reprodución do capitalismo e resulta fundamental para esta, iso significaría tamén que para calquera intento de poñer en pé unha alternativa anticapitalista sería decisivo atopar formas alternativas de urbanización”.  David Harvey

De entre as múltiples vertentes que engloba o concepto do “buen vivir”, fío argumental do encontro de AACC Galiza, a definición do espazo no que habitamos constitúe unha das máis relevantes pola súa transcendencia e polo xeito en que inflúe e determina moitas das outras.

A aspiración á emancipación vital como resposta á deriva do sistema capitalista, lévanos a propoñer dende Hábitat Social para este encontro a iniciativa #fuxirdocentro, coa que reflexionar sobre aquelas fórmulas de habitar que apostan pola autonomía incorporando aspectos de responsabilidade e compromiso coa sociedade e coa natureza. En concreto, mediante esta actividade pretendemos un achegamento a un fenómeno que, non sendo novo, parece coller forza nos últimos anos no noso entorno. Falamos da saída da cidade (colectiva ou individual) cara espazos de oportunidade no territorio, ata o de agora esquecido e infrautilizado, na procura de xeitos alternativos (non só por diferentes, senón por integrais e sustentables) de vida e traballo, nunha especie de proceso inverso á dinámica de concentración (poder, recursos, man de obra, coñecemento, etc.) da urbe.

galiña_02-900x460

Cun formato de mesa de traballo e debate, a finalidade da actividade será por un lado a de afondar neste modelo, cuestionando a súa viabilidade e potencia, esclarecendo vantaxes e inconvenientes, ou valorando a súa capacidade para a recuperación dun patrimonio condenado á desaparición como o do agro galego, e por outro, a de adquirir un coñecemento máis técnico sobre distintos eixos (legal, tecnolóxico, de procedemento), que facilite o desenvolvemento deste tipo de experiencias.

Ó longo de tres xornadas, cunha duración aproximada de dúas horas cada día, abordaremos as distintas liñas de traballo de xeito independente (para facilitar o posible seguimento descontinuo da mesa), mais sempre cunha estrutura semellante:
- introdución
- preguntas lanzadoras para debate/investigación
- debate e/ou traballo de documentación, con apoio en colectivos/persoas que teñen relación co tema tratado
- conclusións

Paralelamente, relacionando algúns dos temas que se tratarán dentro do eixo tecnolóxico (reciclaxe, autoconstrución, bioconstrución, tecnoloxías posibles…) coa recuperación e o reuso do patrimonio por parte da colectividade (mesa de traballo GOVI), levaremos a cabo, en colaboración con outras compañeiras, o obradoiro práctico ORREOFUXIO para a rehabilitación do hórreo de Alg-a, o cal servirá ademais como pegada do paso de AACC Galiza por este espazo.

Estades tod@s convidad@s.

 

 

Unha reflexión sobre “#fuxirdocentro

  1. Pingback: » menciones

Os comentarios están pechados.