Home / Novas /

#fuxirdocentro en Arquitecturas Colectivas

10/09/2013

Hábitat Social xa está por Valadares botando unha man cos últimos retoques para o encontro de Arquitecturas Colectivas que comeza mañá.

A estas alturas case podemos confirmar a estrutura da mesa de debate #fuxirdocentro. O xoves trataremos de contextualizar e caracterizar este “fenómeno” de proxectos vitais que buscan fóra da cidade a súa oportunidade, intentando adiviñar as súas lóxicas, potencialidade, límites, etc. Para abrir o debate contaremos coa presentación sobre decrecimento de Manoel Santos, e a de Proxecto Caracol. Á mesa engadirase tamén o permacultor César Lema.

Os días seguintes, a reflexión xirará en torno a cuestións máis operativas. Así, o venres centrarase en dous eixos. Por unha banda, o legal, onde Jimena Varela nos fará unha exposición sobre as cooperativas de axuda mútua, que dará pé a un pequeno coloquio sobre fórmulas de vivenda alternativas á propiedade e sobre circunstancias legais que condicionan o acceso á terra neste #fuxirdocentro. A avogada Elena Cardezo aportará o seu asesoramento. E pola outra, teremos o eixo de procedemento, das cuestións ligadas ó propio proceso de desenvolvemento destas iniciativas. Aquí Verónica Campos e Raquel Budiño nos farán unha introdución á facilitación de procesos grupais, e de seguido, pecharán a mesa coa dinámica de grupo World Café.

Finalmente, o sábado adicarémolo ó eixo tecnolóxico. Contaremos coas presentacións da cooperativa Nosa Enerxía, da Asociación galega para a bioconstrución Espiga, e a titulada Microenergías de César Losada. Todos eles sumaranse á mesa de debate posterior, onde abordaremos as posibilidades da técnica (autoconstrución, bioconstrución, enerxías alternativas, etc.) cara modelos de autosuficiencia e autoxestión.

Arrincamos!