establecementos educativos

Diagnose da rede de Centros Educativos en Guatemala

Unha das liñas de cooperación internacional da ong Arquitectura sen Fronteiras céntrase en Guatemala, onde levan anos traballando xunto comunidades do sur do pais nas materias de educación e habitabilidade, principalmente. Convidarónnos a participar nun proxecto multidisciplinar de diagnose da rede de centros educativos, onde en pouco tempo as diferentes agrupacións desenvolveron dende o traballo de campo ata a proposta real e valorada de intervención, pasando pola análise e sistematización de datos na que se centrou Hábitat Social.

Diagnose de mellora da rede de Centros Educativos públicos do area costeira de Champerico e Retalhuleu. Guatemala

O documento identifica e achega solucións viables ás principais carencias existentes na rede de infraestruturas educativas do Ministerio de Educación no área sur de Guatemala. Arquitectura sen Fronteiras, traballando neste ámbito durante case vinte anos, lidera este proxecto no que participan diversas entidades locais e internacionais. Hábitat Social participa na sistematización da información xeográfica, agrupando os datos recollidos no traballo de campo e analizándoos para obter propostas de intervención.

Entre as conclusións o traballo recolle un plan de actuación e pautas e recomendacións antes e durante a intervención.

Entre elas a priorización dos problemas urxentes e o estudo pormenorizado da elección do lugar antes de abrir un centro, involucrar á comunidade, definir manuais de uso e mantemento, ou incorporar criterios de sustentabilidade ambiental.

As análises, que abarcan 71 comunidades e 6.800 alumnos de catro niveis educativos, ten dous enfoques e intencións:

Por unha banda estúdiase a cobertura territorial da rede de centros, identificando aquelas comunidades que non teñen un establecemento educativo público a unha distancia adecuada e propoñendo habilitar centros en posicións estratéxicas que satisfagan ao maior número de habitantes.

Por outra banda analízase o estado no que se atopan os centros, a seguridade e dimensións da infraestrutura, as necesidades sanitarias e alimentarias e os servizos básicos de auga e electricidade. Categorízanse os déficits atopados para a súa análise e posterior ponderación do estado dos centros, de modo que se priorice a intervención en centros con maior número de problemas de seguridade.

Mais información e documentos: ASF-diagnostico educativo en Champerico