Arquivo da categoría: proxectos

avegana_01_

Tenda vegana en Coruña

Antes de entrar de cheo no ritmo acelerado que acompaña aos proxectos, queremos sacar algún tempo para irvos amosando as novidades que (por sorte) foron chamando á porta da cooperativa nas últimas semanas.
Así, comezamos coa presentación dunha nova reforma dun baixo comercial, desta volta na Falperra: o que fora o local de Bodegas Ribadavia.
Jose Luis e Maite propóñennos outro deses retos de mestura de usos que tanto nos gusta (e que ultimamente vaise facendo habitual…). Cun forte interese pola alimentación saudable e cun coñecemento moi amplo da cociña vegana (http://cocinavegetariano.blogspot.com.es), lánzanse á aventura de crear un espazo de referencia na cidade no que teñan cabida por unha banda a venda de produto ecolóxico (fresco, granel, envasado e refrixerado) e por outra a degustación de pratos e zumes elaborados por eles, facendo un oco, ademais, para a formación e a sensibilización a través de cursos de cociña, presentacións e proxeccións.
Despois de percorrer diferentes barrios da cidade na procura dun local que reunise as condicións axeitadas (tamaño, situación, prezo, saída de fumes da cociña), e cun chisco de asesoramento noso, optaron por este. Como tampouco podería ser doutra maneira, o baixo non está exento de condicionantes: estreito e profundo, sen luz natural na parte posterior… Deixamos algunhas imaxes do seu estado actual. E xa nos poñemos man á obra. Xa comeza a cabeza a bulir…

E nace unha nova cooperativa…

IMG_20150219_135253

Mulleres Colleiteiras é un proxecto de autoemprego para mulleres en exclusión a través da recollida e reciclaxe do aceite usado que naceu hai dous anos da man de Arquitectos Sen Fronteiras co apoio da Asociación de Veciñ@s de Montealto. O obxectivo deste proxecto é a inserción sociolaboral de mulleres dos asentamentos chabolistas das Rañas e A Pasaxe a través dunha actividade que repercute na mellora do medioambiente a nivel local. Dende o comezo do proxecto ata o día de hoxe participaron de maneira voluntaria 23 mulleres, realizando ademais da recollida do aceite, actividades de formación e difusión da iniciativa coa idea de dala a coñecer noutros barrios da cidade e máis alo.

Dende o mes de Setembro de 2014, tivemos a sorte de seguir este proceso dunha maneira máis próxima compartindo a nosa experiencia e participando no acompañamento das mulleres para animalas a dar un pasiño máis constituíndose como cooperativa. A través das sesións de traballo que realizamos co apoio da Rede Eusumo, foron coñecendo qué é unha cooperativa e cómo funciona, para pouco a pouco ir definindo como queren que sexa a súa.

O grupo promotor inicial estará formado por Lourdes e Esther, das Rañas; e Rosa e Josefa, da Pasaxe. Catro mulleres cunha idea clara: buscar unha vida mellor para elas e as súas familias. Elas serán as que comecen a levar as rendas desta nova empresa, pero o resto das 23 mulleres seguirán os seus pasos moi de cerca apoiándoas con labores de difusión e formándose na adquisición de novas habilidades, para que pouco a pouco, cando os beneficios lles permitan acadar un soldo digno a estas catro primeiras, podan ir incoporándose o resto.

Así pois, o pasado xoves 19 firmaron a acta de constitución e os estatutos da nova cooperativa, e aínda que queda moito traballo por diante que facer, dende Hábitat Social podemos dicir que estamos moi orgullosxs de acompañar este proceso tan complexo como satisfactorio, onde compartindo momentos, estamos aprendendo da motivación e das gañas de superación e comprobando dende a primeira liña, a transformación destas mulleres que día a día se senten máis seguras e orgullosas de si mesmas para poder acadar os seus obxectivos.

Ánimo rapazas! Seguimos.

 

Numax

Dende hai pouco máis dun ano en hábitat social estamos involucrados no proxecto de Númax co deseño e construción do seu espazo, que aportará á cidade de Santiago de Compostela unha nova oferta cultural.

“Un cinema, unha librería e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. Somos unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro formada por persoas  procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural que decidimos colaborar para facermos xuntos o que estamos afeitos a facer por separado.”

actuaL_fachada

Númax presenta unha completa actividade cultural composta sobre tres eixos complementarios. Por unha banda, dende a rúa convidase a entrar na librería especializada en humanidades, onde se poderá consultar libros relaxandose entre os recunchos que forman as amplas xanelas. Un espazo tranquilo, luminoso e agradable rodeado dos máis de tres mil libros dos que disporá. Entre a variedade tamen se crearán percorridos bibliográficos que acompañen ás proxeccións da sala de cinema.

Numax proxectará filmes en versión orixinal subtitulada, poderanse ver obras que aposten pola innovación formal e temática, como sesións clásicas ou infantis. Proxectará entre seis e oito filmes ao mes, unha sala para 71 espectadores con soporte de alta definición.

O terceiro eido ubicase na oficina do local, será un estudo de deseño gráfico e produción audiovisual. A proposta programática conta tamen con sesións de formación, obradoiros, e encontros con realizadores, escritores, etc.

O programa de necesidades proposto por Numax viña dado por unha sala de cine cun aforo mínimo de 70 persoas, con cabina de proxección independente, un espazo destinado a librería cunha capacidade de exposición ó público de 3200 volumes e mais un ámbito para oficina interna cunha parte independente de laboratorio para edición de vídeo, ademais dos aseos necesarios por normativa. Existía a pretensión de que o acceso non fose independente para os usos de librería e cine, senón que houbese unha relación, controlable, entre eles.

Numax_maqueta

CINE

Aproveitouse o ámbito de maiores dimensións sen obstáculos (piares) e con menor contacto coa fachada para a situación da sala de proxección. A sala ten unhas necesidades acústicas importantes, resoltas cunha dobre envolvente (sistema box in box), consistente nun forrado con función de illamento e un trasdosado interior para absorver e acondicionar. A pequena sala resultante configurase cun espazo de visionado envolto en viruta de madeira negra, e unha zona de comunicación de menor altura. Por comodidade, o acceso á cabina de proxección resolveuse con entrada independente, para evitar pasar pola zona de butacas.

A programación pretende centrarse fundamentalmente no cine de autor, dando resposta a unha carencia dentro da oferta habitual da cidade de Santiago. Así, posúe unha finalidade marcadamente cultural, co obxectivo de promover a difusión e o debate en torno a un cine de calidade, que non atopa cabida no circuíto comercial establecido.

LIBRERIA

Deixouse a mellor relación co exterior para a librería, a cal se desprega en L ó longo da fachada, conseguindo un espazo luminoso e xerando ámbitos de estancia agradables en torno ás fiestras, á vez que permitindo a instalación de escaparates. Ademais do mobiliario fixo situado no perímetro (estantes e moble baixo de almacenaxe) recórrese a mobiliario móbil que permitirá un uso flexible do espazo ó adoptar distintas disposicións e funcións.

O acceso ó local prodúcese a través da porta con menor desnivel respecto á rúa para facilitar a solución de accesibilidade. O vestíbulo, sen separación física respecto do espazo da librería, posúe unhas dimensións xenerosas para resolver comodamente a entrada e saída dos espectadores do cine. Nel sitúase a zona de atención ó público, un mostrador con diferentes configuracións, que fará as veces de despacho de billetes e de punto de venda para a librería.

Os aseos ocupan unha posición central na planta baixa, para servir ás dúas actividades principais. Finalmente, polo seu carácter máis privado, optouse por combinar nun mesmo espazo do semisoto a oficina e o espazo de almacenaxe xeral, resolvendo a conexión entre niveis cunha escaleira de caracol que comunica coa zona de librería.

Numax_inicio

As obras, xestionadas dende habitat social, inician a súa recta final. Primeiramente, logo da preparación do chan (picado recrecido, apertura oco escaleira e selado do anterior), levantouse a tabiquería que divide o ámbito do cinema e da libreria, e forma o espazo central dos aseos e mostrador. Esta separación de espazos permite que diferentes traballos se realicen simultáneamente sen entorpecerse na obra.

-Video realizado por Númax-

Gran parte do executado ata agora foron elementos indispensables para o funcionamento da sala que permanecerán ocultos, como instalacións e sobre todo moitas capas de materiais que illarán acústicamente a sala de cinema.

O local abrirá ao público neste próximo mes de marzo. Por diante queda moito traballo de carpintería, acabados e montaxe de mobiliario.

Numax_pladur_1

Numax_pladur_2

Numax_cine_grada

Información sobre Numax en numax.org

pallabarro_01

Procesos abertos: autoconstrución en Carballo

Partidarios como somos en Hábitat Social de entender os nosos proxectos non como resultados senón como procesos abertos, o certo é que, polas esixencias do día a día, os vimos comunicando como experiencias rematadas, unha vez chegan ó seu fin. Por iso, intentando rachar con esta dinámica, queremos achegarvos un interesante proxecto que temos en marcha na cooperativa dende hai máis dun ano, e que, aínda que modesto, aborda unha serie de cuestións que pensamos resumen bastante ben algunhas inquedanzas e xeitos de traballar que van collendo forma e forza no estudio.

Trátase da reforma da vella casa familiar, situada nunha aldea de Carballo, de Roberto e Elena, unha parella moza que deixa atrás a cidade da Coruña para facer vida no campo. O inmoble, froito de distintos crecementos no tempo (non todos igual de afortunados), presenta problemas de orientación, de relación coa parcela e de distribución interior. Construtivamente consta de muros de carga (de mampostería no corpo máis vello e de formigón ciclópeo no novo), forxados unidireccionais de formigón armado, e cubertas plana e a dúas augas de fibrocemento. Seguir lendo

IMG_0056_

O Albergue de Selmo

Vimos de rematar un proxecto de reforma para un albergue de peregrinos no Camiño Francés de Santiago. A falta de retoques e pequenos cambios que irán xurdindo co uso, xa podemos amosar algunhas imaxes dos primeiros días de funcionamento. Seguir lendo