Arquivos do autor: Ramón

avegana_01_

Tenda vegana en Coruña

Antes de entrar de cheo no ritmo acelerado que acompaña aos proxectos, queremos sacar algún tempo para irvos amosando as novidades que (por sorte) foron chamando á porta da cooperativa nas últimas semanas.
Así, comezamos coa presentación dunha nova reforma dun baixo comercial, desta volta na Falperra: o que fora o local de Bodegas Ribadavia.
Jose Luis e Maite propóñennos outro deses retos de mestura de usos que tanto nos gusta (e que ultimamente vaise facendo habitual…). Cun forte interese pola alimentación saudable e cun coñecemento moi amplo da cociña vegana (http://cocinavegetariano.blogspot.com.es), lánzanse á aventura de crear un espazo de referencia na cidade no que teñan cabida por unha banda a venda de produto ecolóxico (fresco, granel, envasado e refrixerado) e por outra a degustación de pratos e zumes elaborados por eles, facendo un oco, ademais, para a formación e a sensibilización a través de cursos de cociña, presentacións e proxeccións.
Despois de percorrer diferentes barrios da cidade na procura dun local que reunise as condicións axeitadas (tamaño, situación, prezo, saída de fumes da cociña), e cun chisco de asesoramento noso, optaron por este. Como tampouco podería ser doutra maneira, o baixo non está exento de condicionantes: estreito e profundo, sen luz natural na parte posterior… Deixamos algunhas imaxes do seu estado actual. E xa nos poñemos man á obra. Xa comeza a cabeza a bulir…

monty p

Obradoiro de captación de fondos

O dia 11 de abril de 10 a 14h organizamos na Casa da Fariña un obradoiro de captación de fondos para iniciativas cidadás e proxectos medioambientais, sociais e culturais encamiñados ao ben común.

Dende as fontes de financiación oficiais ata as máis creativas e autoxestionadas, pasaremos revista a multitude de vías que, malia crise, están dispoñibles para pór as nosas iniciativas en marcha e traballar por unha cidade máis sostible e xusta.

> Programa:

  • -Fondos europeos: o novo periodo 2014-2020
  • -Outras administracións
  • -Fundacións
  • -A vía da autoxestión

> Custo: 25€ – prazas limitadas

> Información e inscricións:

  • www.habitatsocial.coop/novas/
  • info@habitatsocial.coop

> Imparte: María García

Maria_cartaz

Numax

Dende hai pouco máis dun ano en hábitat social estamos involucrados no proxecto de Númax co deseño e construción do seu espazo, que aportará á cidade de Santiago de Compostela unha nova oferta cultural.

“Un cinema, unha librería e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. Somos unha cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro formada por persoas  procedentes de diversos ámbitos da creación e difusión cultural que decidimos colaborar para facermos xuntos o que estamos afeitos a facer por separado.”

actuaL_fachada

Númax presenta unha completa actividade cultural composta sobre tres eixos complementarios. Por unha banda, dende a rúa convidase a entrar na librería especializada en humanidades, onde se poderá consultar libros relaxandose entre os recunchos que forman as amplas xanelas. Un espazo tranquilo, luminoso e agradable rodeado dos máis de tres mil libros dos que disporá. Entre a variedade tamen se crearán percorridos bibliográficos que acompañen ás proxeccións da sala de cinema.

Numax proxectará filmes en versión orixinal subtitulada, poderanse ver obras que aposten pola innovación formal e temática, como sesións clásicas ou infantis. Proxectará entre seis e oito filmes ao mes, unha sala para 71 espectadores con soporte de alta definición.

O terceiro eido ubicase na oficina do local, será un estudo de deseño gráfico e produción audiovisual. A proposta programática conta tamen con sesións de formación, obradoiros, e encontros con realizadores, escritores, etc.

O programa de necesidades proposto por Numax viña dado por unha sala de cine cun aforo mínimo de 70 persoas, con cabina de proxección independente, un espazo destinado a librería cunha capacidade de exposición ó público de 3200 volumes e mais un ámbito para oficina interna cunha parte independente de laboratorio para edición de vídeo, ademais dos aseos necesarios por normativa. Existía a pretensión de que o acceso non fose independente para os usos de librería e cine, senón que houbese unha relación, controlable, entre eles.

Numax_maqueta

CINE

Aproveitouse o ámbito de maiores dimensións sen obstáculos (piares) e con menor contacto coa fachada para a situación da sala de proxección. A sala ten unhas necesidades acústicas importantes, resoltas cunha dobre envolvente (sistema box in box), consistente nun forrado con función de illamento e un trasdosado interior para absorver e acondicionar. A pequena sala resultante configurase cun espazo de visionado envolto en viruta de madeira negra, e unha zona de comunicación de menor altura. Por comodidade, o acceso á cabina de proxección resolveuse con entrada independente, para evitar pasar pola zona de butacas.

A programación pretende centrarse fundamentalmente no cine de autor, dando resposta a unha carencia dentro da oferta habitual da cidade de Santiago. Así, posúe unha finalidade marcadamente cultural, co obxectivo de promover a difusión e o debate en torno a un cine de calidade, que non atopa cabida no circuíto comercial establecido.

LIBRERIA

Deixouse a mellor relación co exterior para a librería, a cal se desprega en L ó longo da fachada, conseguindo un espazo luminoso e xerando ámbitos de estancia agradables en torno ás fiestras, á vez que permitindo a instalación de escaparates. Ademais do mobiliario fixo situado no perímetro (estantes e moble baixo de almacenaxe) recórrese a mobiliario móbil que permitirá un uso flexible do espazo ó adoptar distintas disposicións e funcións.

O acceso ó local prodúcese a través da porta con menor desnivel respecto á rúa para facilitar a solución de accesibilidade. O vestíbulo, sen separación física respecto do espazo da librería, posúe unhas dimensións xenerosas para resolver comodamente a entrada e saída dos espectadores do cine. Nel sitúase a zona de atención ó público, un mostrador con diferentes configuracións, que fará as veces de despacho de billetes e de punto de venda para a librería.

Os aseos ocupan unha posición central na planta baixa, para servir ás dúas actividades principais. Finalmente, polo seu carácter máis privado, optouse por combinar nun mesmo espazo do semisoto a oficina e o espazo de almacenaxe xeral, resolvendo a conexión entre niveis cunha escaleira de caracol que comunica coa zona de librería.

Numax_inicio

As obras, xestionadas dende habitat social, inician a súa recta final. Primeiramente, logo da preparación do chan (picado recrecido, apertura oco escaleira e selado do anterior), levantouse a tabiquería que divide o ámbito do cinema e da libreria, e forma o espazo central dos aseos e mostrador. Esta separación de espazos permite que diferentes traballos se realicen simultáneamente sen entorpecerse na obra.

-Video realizado por Númax-

Gran parte do executado ata agora foron elementos indispensables para o funcionamento da sala que permanecerán ocultos, como instalacións e sobre todo moitas capas de materiais que illarán acústicamente a sala de cinema.

O local abrirá ao público neste próximo mes de marzo. Por diante queda moito traballo de carpintería, acabados e montaxe de mobiliario.

Numax_pladur_1

Numax_pladur_2

Numax_cine_grada

Información sobre Numax en numax.org

OBRADOIROS_Cans

Obradoiro Ducia de Cans

O espazo de intervención cultural Normal, da Universidade da Coruña, acaba de lanzar a convocatoria para participar no obradoiro Ducia de Cans, que conduciremos dende Hábitat Social xunto co estudio Creus e Carrasco.

http://istoenormal.org/gl/actividades/obradoiro-ducia-de-cans

O curso propón a reflexión sobre a reconversión do cotián que suxire o Festival de Cans, incidindo na perspectiva territorial, na transformación do espazo habitado, e na interpretación das súas formas construídas. O curso desenvolverase en dúas fases, unha inicial, máis teórica, de análise e deseño colectivos, e outra a continuación, máis práctica, a modo de obradoiro de montaxe da solución proposta, a cal servirá de soporte físico da exposición Ducia de Cans, que ocupará a Normal entre os meses de novembro de 2014 e xaneiro de 2015.

Indicar que a participación no curso está aberta a toda a xente e non só a estudantes da UDC, así como que o prazo de inscrición é especialmente breve xa que a primeira fase comeza xa o luns dia 13 de outubro.

Animádevos a participar nesta experiencia de reflexión, deseño e construción colectivas!

+info no pdf

OBRADOIROS_Cans_b

UD_01_

Unidade didáctica “Dereito ao hábitat”

Despois duns meses sen achegar novas a este espazo (en boa medida como consecuencia dunha crecente actividade na cooperativa, o que nos esixiu concentrar a dedicación nos proxectos en marcha), queremos retomar a comunicación e presentarvos algúns dos froitos deste período.

Así, vimos de facer entrega da unidade didáctica ‘Dereito ao hábitat’ a Arquitectos sen Fronteiras, quen nos encargara a preparación deste material escolar dentro da súa liña estratéxica de Educación para o desenvolvemento. O propósito da unidade é o de funcionar como complemento á temática referente aos Dereitos Humanos dentro da materia de Educación para a cidadanía e outras afíns do curso de 4º da ESO. Seguir lendo

Obradoiro de achegamento a construcion natural

Hábitat Social, continúa a formación en sistemas de construción natural.
Estamos preparando un obradoiro para finais de verán, e queremos que se adapte o máximo posible ás expectativas que moitas de vós xa nos fixestes chegar. Por iso deixamos aquí un esbozo do que pretendemos facer para que nos deades a vosa opinión sobre os contidos e sobre o calendario proposto.
Pensamos nun obradoiro orientado á autoconstrución, no que en varias fases construiríase a estrutura básica dunha pequena edificación duns 40 metros cadrados, con posibilidade de tocar incluso a execución das instalacións. Seguir lendo

Habitat Social en Recendo

O pasado martes Hábitat Social participou no programa Recendo de Cuac FM, a radio comunitaria da Coruña.
Falamos de Hortas Urbanas e procesos participativos. Falamos -tamén- das interferencias que as administracións públicas crearon nos últimos tempos ao redor de novos procesos de hortas en diversos barrios na cidade. E conversamos de todo isto, ademáis, na compaña da xente da asociación que xestiona colectivamente as Hortas de Feáns, un proceso dinamizado no inicio por xentes da nosa cooperativa e do que non podemos senon admirar a autonomia e potencia que ten tomado nestes dous anos de percorrido.
Aqui podedes escoitar o programa.
Obrigado a Asociación Alexándre Boveda (que fai de sostén do programa) o as xentes de Recendo (Irwin, Javi, Roberto, Luis e Guadalupe) polo convite a dialogar. Un pracer.