Segregacion urbana na Galiza

Artigo publicado no xornal Novas da Galiza escrito por Xiao Varela Gómez membro de Hábitat Social cooperativa galega.

A través do caso dos asentamentos precarios na cidade da Coruña.

“Hai que facer un esforzo por delegar e facer a todos responsables.” *
Escrito nun encerado do Castro de Sargadelos por Isaac Díaz Pardo (1920-2012).

O seguinte texto pretende tirar unha serie de reflexións sobre os procesos de segregación urbana no contexto Galego a través do exemplo dos asentamentos precarios (comunmente mal nomeados asentamentos chabolistas ou barriadas) na área Metropolitana da Coruña.
Folga dicir que se trata dun exemplo moi concreto, cunhas peculiaridades determinadas, que pode servir para retratar dende unha óptica máis xenérica algúns mecanismos de segregación e as súas consecuencias así como propostas para loitar contra eles.

A modo de contextualización, comentar que a cidade da Coruña, e agora tamén a súa área Metropolitana (por mor do desaloxo forzoso e non planificado do asentamento de Penamoa nos últimos anos), albergan a maior cantidade (relativa e absoluta) de poboación vivindo en asentamentos precarios.
Esta situación ven de lonxe, con barrios formais como o do Portiño, creados a principio dos 60 pola administración para ocultar a miseria da cidade, ou asentamentos informais como o das Rañas ou a Pasaxe, resultados en grande parte de operacións de expulsión a través de procesos especulativos, como foi a construción dunha grande superficie comercial no centro da Cidade no ano 1984.
En tódolos casos queda patente que o nomadismo tantas veces achacado aos afectados en cuestión non é unha elección senón que ven forzado polo mercantilismo do solo, con operacións inmobiliarias, de hixienización urbana ou de desarrollo infraestrutural (como no caso de Penamoa e a súa afección pola 3ª rolda).

O disfrute do dereito á cidade a través dos dereitos básicos de cidadanía (educación, vivenda, saúde,..) é un dereito esencial e non un privilexio. Na cidade da Coruña faise evidente como capas da poboación que, por razóns de diferencia étnica e/ou económica (xitanos, aínda que tamén migrantes, pensionistas con rendas baixas, xoves precarios, etc…), son sistematicamente segregados e expulsados das políticas sociais e do engrenaxe de articulación social a través da presión urbana.

Se analizamos os actores responsables, é evidente que a maior incidencia é da administración, que por acción ou omisión leva alimentando décadas un problema que só no entorno da cidade da Coruña, afecta a moitos centenares de persoas.
Dúas liñas principais falan desa nefasta xestión: o servilismo ao mercado, especialmente o inmobiliario e a mala administración dos recursos adicados a problemas de índole social, dunha maneira exclusivamente asistencialista, coa conseguinte xeración de dependencia que provoca a  falta de iniciativa e visión crítica nas persoas obxecto das axudas.

Enlazando esta dinámica concreta na nosa cidade coas dinámicas políticas (da política representativa e lucrativa) a un nivel máis xeral, é preocupante a deriva que estamos a sufrir co cambio político dende unha xestión socialdemócrata máis asistencialista (xa comentada),  cara outra neoliberal que identifica os dereitos básicos coa caridade, que relaciona a reparación das inxustizas urbanas cun privilexio ou unha gracia, pendente da boa vontade do responsable de turno. A solución a calquera destas dúas correntes fala da necesidade da autonomía na xestión do hábitat.

Por todo isto, a conquista colectiva do dereito á cidade debe nacer dende a iniciativa cidadá. Fronte á cidadanía pasiva e á espera da asistencia da administración, ou calquera outro ente institucional, é preciso outra máis autónoma e crítica, que sexa quen de reivindicar dunha maneira máis activa os seus dereitos e chegue incluso a xestionar de maneira directa o seu hábitat.
Esta activación é responsabilidade cidadá; de toda a sociedade civil, coa poboación afectada á cabeza e debe guiarse por procesos de autoorganización colectiva, tendo sempre presente a importancia da corresponsabilidade, sobre todo no que atinxe á necesidade das persoas de involucrarse de maneira directa no devir da comunidade.

Por unha banda a invisibilidade na que se atopan as realidades segregadas e o ocultismo incentivado polas administración (por acción ou omisión) son grandes lastres nos procesos de normalización urbana. Por iso calquera acción realizada en prol dunha visibilización das problemáticas e unha socialización destas co resto da cidadanía “non afectada”, é unha axuda imprescindible para resolver os desequilibrios.

Por outra banda e de maneira paralela cómpre utilizar os mecanismos de presión e movilización social crítica que obliguen ás administacións públicas a dispoñer as medidas que garantan o cumprimento dos dereitos básicos de cidadanía. E incluso esixir a estas que sexan quen de incentivar a corresponsabilidade social, e permitir a participación cidadá directa nos procesos de decisión, cuns criterios previos marcados que promovan o dereito á cidade dunha maneira plena e igualitaria. Neste senso a carta Mundial para o dereito á cidade, pode ser un documento interesante que marca algúns deses criterios (http://habitatsocial.coop/obradoirolitoral/wp-content/uploads/2011/10/Carta_mundial_derecho_ciudad.pdf)

*Tirado dunha fotografía contida no libro: Isaac Díaz Pardo. Arte e Industria. Editado por Labirinto de Paixóns.

Xiao Varela Gómez en Novas da Galiza, por Hábitat Social cooperativa galega
Na Coruña a 10 de Xaneiro de 2012

Deixa unha resposta