Galiza: calamidade e oportunidade

Artigo para a publicación Ecoloxía política. Olladas desde Galicia.
Editorial: Obencomún
Impresión: SacaUntos
Composición: dseña.com
DL: .C237-2015
ISBN: 978-74-606-5931-0
Prezo: 15 €

Contexto
Poucas son as persoas que a día de hoxe consideran equilibrada a pegada humana no planeta. Partimos este texto dando por sentado que vivimos nun modelo insoportable de relación entre as persoas e o territorio, natural ou construído, un modelo de caducidade anunciada, para o que cómpre buscar novas alternativas e afondar nas xa existentes.
Galiza é un lugar complexo e particular, heteroxéneo, e con moitas contradicións para as que se precisa procurar respostas.
Cómpre non mirar para outra parte, para non converter en problemas irresolubles o que poden ser oportunidades.
Cunha sorte de lectura por capas, comezaremos desde unha visión máis xeral, atendendo a unha estruturación do territorio que consideramos non coordinada, vertical, sen consenso e acorde a unha mentalidade minifundista aplicada á xestión dos recursos públicos. Para mostra, o exemplo na planificación das grandes infraestruturas, coa construción de dous grandes portos exteriores no golfo Ártabro (de dubidosa viabilidade), ou os tres aeroportos da Galiza. 1
A planificación urbanística, cando existe (máis da metade dos concellos galegos aínda carecen de plan xeral, e máis do 70% aplican unha normativa que non está adaptada á lei do solo vixente), 2 nin responde a un modelo de asentamento disperso e difuso nin atende ás realidades contemporáneas existentes, 3 con tecidos híbridos entre o rural e o urbano, 4 resultado dun crecemento descontrolado. Por poñer un exemplo que demostra que son necesarias novas propostas de xestión e ordenación para realidades que non son novas, pero que nunca foron tratadas especificamente, citariamos a urbanización a rentes da N-550. Non é acaso esa unha realidade en si mesma que non debería de ser tratada como asen-
tamentos independentes? Ao mesmo tempo, as iniciativas que parten da Administración (como as «estratexias da paisaxe») están máis preocupadas en lexislar, controlar e eliminar a diferenza que en dar respostas ás realidades contemporáneas.
As estruturas de ordenación e planificación precisan dunha revisión e actualización, no que se refire ao seu ámbito e aos seus mecanismos de proposta e decisión, que deberían de ser máis horizontais e participadas. Seguramente resultaría interesante ter propostas de ordenación e funcionamento que atendesen ámbitos de tamaño intermedio e as súas peculiaridades, como grupos de concellos e rexións urbanas.
O despoboamento do rural e o patrimonio abandonado son problemas graves que non están a ser tratados coa suficiente importancia. En cambio, considerámolos ámbitos de oportunidade, posibles ferramentas para a emancipación da xuventude, agora empurrada á emigración. Procurar que isto que agora son problemas deveñan solucións, esixe propostas creativas, atención real e investimento.
Como símbolos da contraditoria relación que mantemos co noso territorio, temos dunha parte a mastodóntica e zombi urbanización Costa Miño Golf, 5 un modelo de implantación depredador e exclusivamente especulativo, ineficiente e insoportable para o medio; da outra parte atopamos o monte en man común, 6 un espazo de oportunidade para a preservación destes patrimonios sociais e a xestión colectiva dos mesmos. A segunda liña leva a portos máis cálidos, pero esixe coidado e dedicación.
Se baixamos de escala e miramos cara a cidade, a atinada frase tantas veces escoitada nos últimos tempos, «a revolución será urbana ou non será», debe ser matizada na realidade galega, na que conviven tecidos que poderían asimilarse formalmente á idea preconcibida que temos do rural, pero que analizada con máis profundidade responde a lóxicas moito máis urbanas no día a día dos seus habitantes. Como di o xeógrafo e antropólogo David Harvey
no seu último libro 7 «o dereito á cidade é polo tanto moito máis que un dereito de acceso individual ou colectivo aos recursos que esta almacena ou protexe, é un dereito a cambiar e reinventar a cidade de acordo cos nosos desexos». Coincidimos plenamente e pensamos que nas circunstancias actuais non existen máis espazos para iso que o da subversión e o da loita contra a Administración, a pesares do risco e o esforzo que implican, xa que exclúen a moitas persoas que non teñen o afán natural ou as oportunidades necesarias para participar activamente no desenvolvemento da súa
comunidade. O dereito á cidade é hoxe máis ca nunca un dereito básico a desenvolver e protexer.
Os crecentes desequilibrios demostran que non imos polo bo camiño, como poñen en evidencia, por exemplo, os numerosos asentamentos precarios do país, coma o da Conserveira Celta, na periferia da cidade da Coruña, con arredor de cento e medio de persoas vivindo en condicións infrahumanas desde hai décadas, persoas ás que a Administración só lles ofrece unha mal xestionada caridade a cambio dos dereitos sociais que lles corresponden.
Así mesmo, é habitual ver como o mal entendido progreso, desde unha visión desarrollista, produce a destrución do tecido social, coma no caso das grandes superficies comerciais, 8 coa súa implicación na desaparición do pequeno comercio, en modelos de mobilidade non sustentables ou na privatización dos espazos de convivencia. Consideramos un serio problema a disociación xeral entre traballo e modo de vida e a repercusión que iso produce na calidade de vida das persoas, e cremos que a inadecuada relación que mantemos co espazo que habitamos ten moita responsabilidade nese desequilibrio. Tamén resulta fundamental afrontar a mala xestión do público, coa corrupción como bandeira e o capital
como principio: fanse necesarias novas canles que permitan a xestión dos recursos a escala reducida e de maneira horizontal.
A crise estatal da vivenda ten unha clara correspondencia na Galiza: 300.000 vivendas baleiras 9 por unha banda e milleiros de persoas sen casa pola outra, inmersas en procesos de desafiuzamento ou habitando casa allea por falta de recursos. Tamén aquí a oferta de vivenda en alugueiro é escasa e custosa e os incentivos inexistentes. A lóxica da vivenda como ben de mercado e non como dereito campa ás súas anchas, marcando o carácter do parque inmobiliario e as súas repercusións sociais.
A construción é outro ámbito deficiente, tanto a nivel tipolóxico, con modelos importados que non responden, as máis das veces, ás necesidades reais, e que actúan coa lóxica da tabula rasa sen valorar as potencialidades do traballo a través de criterios contemporáneos sobre o preexistente, así como a nivel tecnolóxico, con edificacións de baixa calidade e confort que ademais supoñen un dispendio de recursos, tanto polos materiais empregados coma
polo deseño.

Hipótese e relación de propostas
Deste rápido percorrido pola situación galega que acabamos de trazar no ámbito que nos ocupa, resulta doado extraer unha conclusión tan evidente coma complexa: é imprescindible un cambio de modelo tamén no que atinxe ao noso xeito de habitar, pois quedou demostrado que o vixente non é xusto nin ambientalmente sustentable. 10
De feito, unha boa parte das incompetencias no eido da construción do territorio ou da cidade que atopamos en Galicia son un mal común a moitos outros lugares, o que se explica pola súa compoñente sistémica, é dicir, pola relación intrínseca entre as lóxicas económicas e políticas do capitalismo e as do urbanismo, así como polas súas consecuencias sociais e ambientais. Dito en positivo, e de novo en boca de Harvey: «se a forma capitalista de urbanización está tan plenamente inserta na reprodución do capitalismo e resulta fundamental para esta, iso significaría tamén que para calquera intento de poñer en pé unha alternativa capitalista sería decisivo atopar formas alternativas de urbanización». 11 Así, estas novas formas de urbanización (de habitación) deberían acompañar e reforzar propostas globais e altermundistas que están tratando de abrir vías de transición cara a outros paradigmas, como o decrecemento ou o «bo vivir», 12 que buscan garantir a satisfacción universal e perdurable no tempo das necesidades humanas, e polo tanto, dun xeito consciente e consecuente cos límites materiais do planeta.
O acceso aos recursos (materiais, enerxía, auga…), o cambio climático, e a perda de diversidade biolóxica son as problemáticas ambientais con maior transcendencia e urxencia que debemos afrontar a nivel mundial. En todas elas, a responsabilidade nos procesos urbanizadores, edificatorios e domésticos adquire especial relevancia en comparación coa doutros sectores económicos e actividades. Por iso, desde xa hai máis de dúas décadas veñen xurdindo numerosas propostas e estratexias no eido do urbanismo que intentan ofrecer respostas a estas cuestións. Trátase dun repertorio amplo de estratexias diversas centradas nun ou noutro aspecto, con múltiples dimensións e con calado e percorrido diferentes, mais que no seu conxunto compoñen un corpo teórico suficiente para comezar a dar os pasos necesarios na dirección correcta. Máis ben o problema ten sido, ata o de agora, a carencia de vontade política para entender e asumir o compromiso que se precisa para pasar do plano teórico ao práctico. De novo, intereses espurios teñen relegado a un segundo lugar dentro das axendas políticas un verdadeiro plan de acción, unha toma de medidas coherentes e coordinadas entre si, cuns obxectivos e uns tempos ben definidos, que vaia máis aló de pequenos avances en materia
lexislativa, de declaracións de intencións, ou da demagóxica apropiación polo mercado e pola clase política de termos como sustentabilidade, ecoloxía, verde, bio…
Entendendo que non é este o espazo para afondar co rigor e a extensión necesarios nese abano de solucións á problemática ambiental derivada do xeito en que habitamos, si nos gustaría, cando menos, facer unha breve exposición dalgúns destes posibles vectores de transformación en Galicia.
Comezando pola escala territorial, segue a ser unha materia pendente recuperar o equilibrio e a vertebración que o país perdeu nas últimas décadas. A ninguén escapa que o abandono do rural arrastrou unha serie de consecuencias de tipo económico (perda de potencial agrario), social (redución de servizos públicos, perda de peso da realidade rural), ou cultural (desaparición de patrimonio material e inmaterial, perda de identidade), mais tamén ambiental. Así por exemplo, a desactivación do agro carrexou a súa desvalorización, propiciando a aparición de actividades cun forte impacto no medio, actividades que noutras condicións non terían cabida e que agora son benvidas ante o incerto panorama económico destas zonas: proxectos mineiros, instalacións enerxéticas (parques eólicos ou minicentrais hidráulicas)… De xeito análogo, os incendios forestais ou a perda de diversidade biolóxica asociada a monocultivos coma o do eucalipto teñen que ver tamén con este abandono.

Estamos ante a deshumanización do noso territorio, ante a amputación dos valores que tradicionalmente levaba asociados, para convertelo nun mero soporte físico ao servizo da especulación e do espolio. Faise necesaria, polo tanto, unha nova visión que entenda o potencial do territorio como catalizador que conduza cara a un país máis articulado e equilibrado, máis dinámico e máis respectuoso cos nosos patrimonios natural e cultural.
Así, cabe demandar auténticas políticas na liña dun rural «cualificado e diversificado», isto é, un rural que, aproveitando as estruturas existentes, se dote dos servizos necesarios (telecomunicacións, acceso a equipamentos públicos, etcétera) que o fagan atractivo e faciliten a súa dinamización a través da implantación de usos complementarios ao agrícola convencional (sector servizos, agroecoloxía, silvicultura especializada, ecoturismo…). Precísase tamén unha ordenación estratéxica e coordinada do territorio, que conduza cara a uns obxectivos concisos e partillados, o que implica a existencia de ferramentas de planificación no ámbito supramunicipal e de conxunto realmente operativas e áxiles. Por último, merece cando menos ser nomeado o crecente número de iniciativas individuais e colectivas que desde hai uns anos atopan na «fuxida» da cidade cara ao campo 13 diferentes oportunidades (maior autonomía, menores custos, recuperación de valores e coñecementos tradicionais, contacto coa natureza…) para desenvolver os seus proxectos vitais, o que pon de manifesto que un sector da sociedade xa comezou a reverter a visión sobre o potencial do noso territorio.
Nunha dimensión intermedia entre a cidade e o territorio á que corresponde a chamada rexión urbana ou cidade difusa, que a modo de continuo suburbano esténdese desde Ferrol ata Vigo (mesmo ata Porto), atopamos outra serie de particularidades con influencia a nivel ambiental. Aquí, a dispersión da edificación e a súa baixa densidade converte a mobilidade e o acceso aos servizos públicos (equipamentos, infraestruturas) nos principais retos.
Cómpre aplicarse na optimización deste tecido, consolidalo, acadar un nivel de estrutura e densidade suficientes que permitan tanto o desenvolvemento do transporte público coma traballar en termos non só de mobilidade senón de accesibilidade. 14 En relación á primeira, a implantación dunha rede densa e funcional de transporte público que reduza a dependencia e o impacto do vehículo privado require unha masa crítica de usuarios que a faga viable. En canto á segunda, trataríase de substituír a necesidade dalgúns dos desprazamentos motorizados pola proximidade e facilidade de acceso a bens e servizos (escolas, centros de saúde, tendas…) que unha maior concentración de poboación podería permitir. Trátase en todo caso de enriquecer este sistema para facelo máis diverso e sustentable. 15
Na escala urbana, son varias tamén as estratexias a ter en conta cunha lóxica de optimización dos recursos naturais dispoñibles.
En primeiro lugar, podemos mencionar a rexeneración dos tecidos urbanos existentes. Nun país no que non aumenta a poboación non ten sentido que o proceso urbanizador continúe consumindo chan, polo que é preciso conter a expansión das áreas urbanas obtendo o máximo aproveitamento das existentes. As medidas a tomar neste sentido son múltiples, algunhas delas xa cun importante grao de implantación e apoio desde as Administracións, outras non tanto. Entre as primeiras falariamos por exemplo da renovación do parque edificado, mellorando o seu nivel de confort, o aforro enerxético ou a súa funcionalidade, e que desde hai varios anos conta cunha liña de axudas destinada aos edificios residenciais. Con resultados dispares, existen experiencias tamén no sentido da revalorización do espazo público, recualificándoo e dotándoo de urbanidade, na procura de lugares atractivos, funcionais e integradores para as persoas (eliminación de barreiras arquitectónicas, por exemplo). Non obstante, queda moito por facer na perspectiva de xénero aplicada ao espazo público, na pacificación do tráfico en favor do peón, ou na recuperación da intensidade de uso de rúas e prazas, minguada en moitas ocasións polo secuestro da actividade comercial e de ocio dentro de grandes centros privados pechados. Entre as medidas que aínda non reciben atención abonda, teriamos a recuperación sistemática de espazos abandonados, degradados ou residuais (baleiros urbanos, equipamentos públicos sen uso, edificios en construción, soares…), que constitúen un capital dentro das nosas cidades, valioso como recurso dispoñible e valioso en ocasións tamén por condensar parte da historia e da memoria das mesmas (é o caso de edificios singulares como a Panificadora de Vigo, ou os cárceres da Coruña e Ourense, que mentres son obxecto de procesos especulativos ou pasto da desidia das Administracións, obteñen o recoñecemento da cidadanía a través de proxectos colectivos de recuperación e revalorización: Entremos na Panificadora, Proxecto Cárcere e Imos entrar, respectivamente). 16 Cabería falar tamén da morea de equipamentos e espazos infrautilizados que teñen un uso limitado a certas horas do día ou nalgúns períodos do ano, e que sería desexable dotar dun uso mixto (un colexio que polas tardes se converte en centro social) ou abrir á cidadanía (as instalacións deportivas dese mesmo colexio que polas tardes ou no verán se poñen ao servizo do barrio), o que ademais suporía unha mestura de actividades a favor da vitalidade urbana.
En paralelo á optimización de recursos que procura a rexeneración urbana, tería sentido suxerir outra estratexia moi potente, pero de difícil posta en marcha dentro do marco capitalista, como é a de disociar o feito da construción do hábitat dos intereses económicos que a rodean. A ninguén escapa como estes intereses, enormes nun Estado onde o sector inmobiliario vén de ser un dos motores da economía, teñen a capacidade de imporse sobre calquera outra maneira de pensar a cidade e o territorio, convertendo ambos en mercadorías banais ao servizo de procesos especulativos (o boom inmobiliario é un claro exemplo). O consumo de solo, a desaparición de espazos de alto valor ambiental, a dilapidación de recursos materiais e de enerxía son algunhas das súas consecuencias a nivel ecolóxico (por non falar das implicacións sociais ou políticas). Inverter estas lóxicas, conseguir que o interese común se impoña, esixe unha toma de posición política forte capaz de reordenar as regras do xogo. Mencionaremos dous posibles eixos de traballo para trasladar ao concreto esta vontade: o control das plusvalías que implica o proceso urbanizador e unha política de vivenda acorde á realidade.
O primeiro trata de incidir na liña de flotación do sistema: a obtención de beneficios que deriva das actuacións urbanísticas. A expectativa de lucro como consecuencia do desenvolvemento dun solo ou do simple cambio da súa clasificación urbanística, ten provocado aquí e no resto do Estado unha morea de intervencións que non se xustifican pola necesidade, e que, en moitas ocasións, comportan toda unha serie de casos de corrupción, clientelismo, malversación de fondos… Un reparto de cargas e beneficios diferente ao actual, máis favorable ao conxunto da cidade e menos ao axente promotor reduciría o incentivo ao negocio en torno ao hábitat así como o impacto ambiental consecuente. En relación ao segundo dos eixos, unha concepción da vivenda como dereito e non como ben de mercado, ao mesmo tempo que resolvería a problemática de acceso á mesma e outras derivadas (a costa de prexudicar o lucro duns poucos), tería evitado os excesos dun mercado desbocado que en España foi capaz de producir máis de tres millóns de vivendas baleiras. Aínda que a distribución deste excedente non é homoxéneo, son poucos os lugares nos que exista unha demanda real de vivendas novas. Por iso, pese a quen pese, desde a Administración só pode caber unha política dirixida a activar o parque existente (fomento do alugueiro, da rehabilitación, penalización das vivendas baleiras…), e a limitar ao máximo as novas promocións que máis tarde ou máis cedo volverán xurdir.
Outra estratexia ten que ver coa redución dos fluxos metabólicos de vilas e cidades, é dicir, do intercambio de recursos que un núcleo de poboación realiza co exterior en forma de materias primas, enerxía ou residuos, incorporando ademais custos asociados en transporte e infraestruturas. En paralelo ás propostas orientadas ao aforro para reducir a demanda, o cal pasa en boa maneira pola modificación dos hábitos de consumo individuais e colectivos, teñen cabida aquelas que fomentan a produción local ou próxima. Aquí se encadrarían por exemplo as cada vez máis numerosas hortas urbanas destinadas ao autoconsumo ou, noutra escala, a necesidade estratéxica de reservar áreas agrícolas nas contornas das nosas cidades que sirvan para o seu fornecemento, reducindo deste xeito as distancias de importación de alimentos. Tamén o relacionado coa autoprodución de enerxía, dada a existencia de tecnoloxías cada vez máis accesibles e desenvolvidas que poden achegar aos edificios a meirande parte da enerxía que consumen, mesmo nas áreas urbanas (isto, evidentemente, sempre que os lobbies non se interpoñan, como está a suceder coas novas regulacións estatais nesta materia).
No tocante á xestión de residuos, parece evidente, tras a comparación cos resultados acadados noutros países, que aquí queda moito por facer. Así, en materia de residuos sólidos urbanos, as porcentaxes de reciclaxe e valorización obtidas a través dos sistemas implantados de recollida e tratamento como Sogama son paupérrimos, por non falar de augas residuais, con moitas verteduras descontroladas aínda a día de hoxe, mesmo en zonas de especial valor como as nosas rías.
Finalmente, na escala da edificación, tamén existe todo un campo de acción dirixido a reducir a niveis aceptables o impacto da súa construción e do seu uso. Nos últimos anos, a lexislación española ten avanzado da man da europea na esixencia dun mellor comportamento enerxético dos edificios obrigando a reducir os consumos durante a súa vida útil. En cambio, non hai ningún tipo de consideración normativa relativa ao gasto enerxético asociado á súa construción (fabricación de materiais, transporte, montaxe…) ou á súa demolición, cantidades nada desprezables. O mesmo sucede con outros aspectos fundamentais como o esgotamento de recursos materiais ou o gasto de auga potable. Si existen, pola contra, investigacións e exemplos prácticos que tratan de abordar dun xeito integral todas estas cuestións e que habería que fomentar, difundir e normalizar. Recuperar técnicas tradicionais, de moi baixo impacto; empregar só materiais renovables e reciclables que non supoñen unha redución do patrimonio natural existente nin producen residuos,
así como materiais cun consumo enerxético baixo ao longo de todo o seu ciclo de vida; complementar as medidas de aforro de enerxía coa incorporación de sistemas capaces de cubrir autonomamente a demanda, non só a do uso, senón tamén a debida á construción; incorporar medidas de aforro de auga e de reciclado da mesma,… son algunhas das pautas que haberá que asumir de inmediato.
Conclusión
Ao noso modo de entender, e tendo como horizonte o obxectivo dun cambio de modelo que afronte este reto de transformación dos modos de habitar, calquera vía pola que optemos ten que enmarcarse dentro dun cadro máis amplo que non só atinxa ao urbanismo ou á construción, senón a un que atenda a aspectos estruturais relacionados coa educación, a produción ou o traballo, así como outras liñas transversais imprescindibles como poden ser o xénero, a atención á diversidade, o poder de decisión das persoas e das comunidades, etcétera. É dicir, as accións deberán artellarse de tal xeito que fagan realidade ese cambio máis amplo e profundo, baseándose na capacidade de acción dunha sociedade responsable e activa que loite por un futuro que se adapte a un novo modelo de vida.
Partindo desta premisa inicial, podemos pensar que nos atopamos nun momento de efervescencia no que aparecen cada vez máis prácticas espontáneas pero organizadas que responden a esta toma de conciencia por parte da sociedade civil. E son precisamente estas accións as que teñen unha gran capacidade de contaxio para outras novas propostas, as que marcan ese punto de inflexión cara o que consideramos un camiño axeitado.
As propostas das que se vén falando neste texto, que son só unhas pinceladas que nos parecen representativas do momento, poderíamos agrupalas en dúas liñas principais de acción/aplicación de medio-longo percorrido. Por unha banda, os procesos autónomos e autoxestionados que teñen lugar a unha escala máis pequena, e, por outra, as accións levadas a cabo mediante o deseño e posta en marcha de políticas públicas nunha liña máis ampla de actuación. Ambas parecen ser necesarias e ás veces complementarias segundo o ámbito.
Sobre a primeira, deberiamos destacar a importancia e o impacto que pode acadar a autoorganización da sociedade, sobre todo a niveis veciñais, de barrio, locais… onde o obxectivo se centra na modificación de dinámicas próximas que poden ter un grande impacto sempre e cando exista un tecido social consolidado. A través de iniciativas que xorden desde abaixo, sen ánimo de lucro, coa intención de facer visibles e fomentar estas novas prácticas diarias, ponse de manifesto a intención destas novas lóxicas e a capacidade da poboación para asumir o poder de decisión no relacionado con certos ámbitos. Neste sentido, é básico ampliar os discursos de maneira que poidan chegar a máis capas sociais, é dicir, a un maior número de persoas. Tamén é necesario dotar o tecido social das ferramentas que permitan poñer en marcha as accións para transcender da teoría á práctica, propiciando a implicación dun abano da poboación o máis amplo posible, así como dotar a esta dun poder de decisión real.
Pero a autoorganización non abonda, xa que debe verse correspondida cuns poderes públicos fortes, capaces de levar a cabo políticas axeitadas que fagan de contrapeso aos intereses privados na defensa dos colectivos. De novo aquí debemos demandar un cambio na estrutura do sistema de xestión actual, así como a activación de novos espazos de participación e toma de decisións que dean verdadeira voz á cidadanía. Consideramos necesaria a revisión, o deseño e o seguimento de novas políticas de xestión que respondan á realidade de cada lugar, comprendendo e revalorizando as oportunidades que o territorio na súa especificidade nos brinda.
E para isto incidimos na importancia dunha cidadanía activa e corresponsable, á cal se lle ofrezan as canles de participación necesarias na xestión do seu hábitat, para, a través dunha construción colectiva do mesmo, achegarnos a un modelo máis xusto e equilibrado social e ambientalmente.

1 Holanda, cunha poboación de case dezasete millóns de persoas ten dous aeroportos de
uso civil.
2 COAG, 2009: Informacións relativas ó estado da planificación nos concellos galegos.
3 Rururbania como realidade e oportunidade (http://territorioscolectivos.alg-a.org/)
4 O termo rururbano difúndese polos franceses G. Bauer e J. M. Roux en 1976 co obxectivo de identificar as áreas que rodean as cidades onde a presenza dominante de vivendas familiares, dispersa e illada, cohabita coa persistencia de áreas agrícolas e forestais (ou naturais). Ese proceso evolutivo caracterízase pola transformación nos usos do solo
e na actividade dos residentes acompañada de mutacións socio-demográficas, isto é, de novas pautas de comportamento social, económico, profesional, cultural… dos seus habitantes.
5 Urbanización inacabada de 1.217 vivendas adicadas a segunda residencia na contorna da vila de Miño.
6 Galiza conta con máis de 640.000 Ha (un 33% da súa extensión total) de monte en mancomún. O Monte É Noso é unha plataforma cidadá que traballa na revalorización dos montes comunais: www.montenoso.net
7 Harvey, David. 2012. Ciudades Rebeldes, del derecho a la ciudad a la revolución urbana. Editorial Akal.
8 500.000 m2 de superficie construída no complexo comercial privado máis grande do Estado e o terceiro máis grande de Europa.
9 Censo do INE correspondente a 2011.
10 Fernández Durán, Ramón, 2011. El Antropoceno. La expansión del capitalismo global choca con la Biosfera. Virus Editorial.
11 Harvey, op.cit., páx 106.
12 O «bo vivir», concepto moderno derivado da tradición indíxena do Sumak Kawsay, que defende a vida digna e en equilibrio coa natureza en oposición ó crecemento ilimitado capitalista, está recollido como agregado de dereitos nas constitucións dalgúns países de América do Sur.
13 No último encontro da rede Arquitecturas Colectivas que tivo lugar en setembro de 2013 en Valadares (Vigo), tivemos a oportunidade de organizar desde Hábitat Social a mesa de traballo #fuxirdocentro que intentaba achegarse a este fenómeno, atendendo tanto ás lóxicas como ás ferramentas: http://aaccgaliza.arquitecturascolectivas.net/ blog/?p=975
14 Sanz Alduán, Alonso. 2008. Calmar el tráfico. Pasos para una nueva cultura de la movilidad urbana. páx16-18. Ministerio de Fomento. Centro de publicaciones.
15 Salvador Rueda propón a cuantificación do nivel de sustentabilidade dun lugar como o cociente entre o consumo de recursos (E) e o grao de complexidade do sistema (H). Rueda, Salvador. La eficiencia energética del espacio público (artigo).
16 www.entremosnapanificadora.blogspot.com.es, www.proxectocarcere.blogaliza.org, www.
imosentrar.wordpress.com

Prologo e Coordinación edición:  Xan Duro e Xoán Hermida González
Titulos e autore(a)s:
Galiza: calamidade e oportunidade.- Hábitat Social
A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza.- Xoán R. Doldán García
Soberanía alimentaria.- Isabel Vilalba
Galicia perante o cambio climático.- Xosé Veiras
Transporte e mobilidade: sen relocalización non hai solución.- Xan Duro
Facer política desde a bolsa do lixo. Cando ti cambias, todo cambia.- María Durán Beloso
Bases para unha actividade pesqueira sustentable.- Antonio García Allut
Montes, fragas, lumes… outra política forestal é posible.- Xosé Santos Otero
A Administración pública como un consumidor responsable.- Fernanda Couñago Otero
Dez reflexións sobre a educación ambiental en Galicia: ollando máis alá da crise.- Pablo Ángel Meira Cartea
Cultura, cultura de paz, sostible e xusta.- Manuel Dios Diz
Acción Social e loita contra a pobreza en Galicia.- Pepa Vázquez Martínez
Trinta anos de solidariedade galega. Ollando o pasado e o futuro.- Emilio Manuel Martínez Rivas
Economía, medio ambiente e recursos naturais.- María Xosé Vázquez Rodríguez