"A Coruña, unha pedra chantada no océano"
-Xurxo Souto-
Coruña (sub)Mariña é un convite a explorar nas profundidades da nosa memoria colectiva para rescatar unha conciencia viva do que somos.
Habitamos unha cidade de esencia mariña e mariñeira. Mais o forte vencello que une A Coruña co mar dende a súa orixe foise afrouxando polo paso do tempo, e especialmente polo cambio de modelo socioeconómico, somerxendo xeitos de vida, espazos, fitos, historias, etc, ata facelos desaparecer (algúns para sempre, outros aínda sobreviven ocultos). Descubrilos e sacalos á luz é o obxectivo deste proxecto: recuperar o noso tesouro, a nosa identidade; aflorar unha relación co mar moito máis rica e complexa que a limitada mirada ociosa e contemplativa (praia, paseo marítimo, Torre de Hércules...) na que está a derivar.
Propoñemos un exercicio colectivo: botar as redes nas augas da nosa memoria e o noso saber individual para xuntar entre todas e todos unha marea de referencias a eses cabos que atan A Coruña co mar e debuxar colectivamente un mapa, o do noso tesouro.
Só así conseguiremos que esta cidade deixe de ser (sub)mariña e retorne mariña.