Coruña (sub)Mariña


"A Coruña, unha pedra chantada no océano"
-Xurxo Souto-

Coruña (sub)Mariña é un convite a explorar nas profundidades da nosa memoria colectiva para rescatar unha conciencia viva do que somos.

Habitamos unha cidade de esencia mariña e mariñeira. Mais o forte vencello que une A Coruña co mar dende a súa orixe foise afrouxando polo paso do tempo, e especialmente polo cambio de modelo socioeconómico, somerxendo xeitos de vida, espazos, fitos, historias, etc, ata facelos desaparecer (algúns para sempre, outros aínda sobreviven ocultos). Descubrilos e sacalos á luz é o obxectivo deste proxecto: recuperar o noso tesouro, a nosa identidade; aflorar unha relación co mar moito máis rica e complexa que a limitada mirada ociosa e contemplativa (praia, paseo marítimo, Torre de Hércules...) na que está a derivar.

Propoñemos un exercicio colectivo: botar as redes nas augas da nosa memoria e o noso saber individual para xuntar entre todas e todos unha marea de referencias a eses cabos que atan A Coruña co mar e debuxar colectivamente un mapa, o do noso tesouro.

Só así conseguiremos que esta cidade deixe de ser (sub)mariña e retorne mariña.

Coruña (sub)Mariña


Coruña (sub)Mariña é unha iniciativa de Hábitat Social, que conta coa promoción de Sea for Society e que se engade á programación do festival Mar de Mares (o cal se desenvolverá na Coruña entre os meses de setembro e outubro deste ano).

Nace coa vontade de perdurar no tempo e incorporarse ao procomún desta cidade, medrando coas achegas de todas e todos os que ventamos o mar nas súas rúas.

Sodes moitas as persoas que apoiades desinteresadamente este proxecto (e seguro que seredes aínda máis). Grazas a todas. Agradecemos especialmente a predisposición, amabilidade e coñecementos de Xurxo Souto, Ana Filgueiras, Xulio Montero, Xosé Iglesias, Felipe Canosa e Xosé Lois Martínez, así como a implicación e a participación da Escola Superior de Arte e Deseño Pablo Picasso, en concreto dos seus profesores Javier Macho e Clara López e do alumnado de 2º curso de Ilustración. Grazas tamén a Iria Brandariz, Lucas Santolino e María Calleja, que se sumaron ao equipo de Hábitat Social.

Finalmente, para que esta web poida estar pendurada na rede, é necesaria a colaboración da saramaganta



Sea For Society                   Concello da Coruña



Coruña (sub)Mariña


Convidámoste a participar da elaboración deste mapa colectivo achegando calquera información que che resulte interesante e que fale da relación entre a nosa cidade e o mar.

Todo ten cabida (aspectos materiais ou inmateriais, pasados ou presentes, máis ou menos anecdóticos ou transcendentes) e en case calquera formato (texto, audio, vídeo, imaxe). Para organizar a información hai definidas categorías dentro das que terás que encadrar a túa achega: medio natural, medio construído, ámbito socioeconómico e ámbito cultural.

O procedemento é sinxelo: consiste en acceder ao mapa e situar un punto asignándolle unha das categorías, poñerlle un nome e incorporar unha breve descrición, completando, se é o caso, coa subida dos arquivos dos que dispoñas ou con referencias (enlace a outra web, bibliografía, etc.).

Tamen mantemos a posibilidade de colaborar coa iniciativa trasladándonos a túa opinión, coñecementos, suxestións, etc, para o cal podes poñerte en contacto directamente connosco.

Ir ao mapa



Para contactar connosco:

Email: info@habitatsocial.coop
Teléfono: 881 888 259
Praza Azcárraga 6 |  15001, A Coruña