Verificado
Igrexa e Hospital dos Mareantes
Igrexa Castrense
No caso dos mareantes da Coruña, o elixido foi santo André (mártir e tamén pescador crucificado polos romanos nunha cruz en forma de X).
Estes, entre outras cousas, administraban a capela e hospital de santo André, na rúa do mesmo nome, e situado no lugar no que hoxe se ergue a capela castrense.
O antigo hospital organizábase ao redor dun patio central ao que tamén daba a capela, e tiña capacidade para 150 camas. Nel aloxaban e atendían a confrades necesitados e visitantes estranxeiros de paso.
En 1588, atenderon aquí a máis de cincocentos enfermos e feridos da Armada Invencible; sendo saqueado e incendiado o hospital ao ano seguinte por Drake. Co incendio perdéronse os seus arquivos, desaparecendo con eles a proba documental da súa relevancia histórica na cidade.
Os mareantes repararon o edificio, pero nunca volveu ser o que era. A edificación acusaba as batallas, o paso do tempo e a falta de coidado, e progresivamente foi esmorecendo ata que en 1879 o mesmo concello mandou pechar o edificio.
Del púidose salvar a súa antiga portada, que desde 1956 está inserta na muralla do xardín de san Carlos, na cidade vella.
Tamén se conserva o antigo cruceiro do hospital no seu lugar orixinal, e que ten labrada aínda a cruz do santo no capitel. Esta construción é probablemente a máis antiga de toda a Pescadería que fica en pé.
Pola súa banda, o gremio foi tamén perdendo poder de xeito paulatino.
A finais do século XIX, Eusebio da Guarda ofrécese a reconstruír a igrexa a cambio de ser enterrado nela coa súa dona. A proposta é aceptada, pero unha vez rematada, o benfeitor négase a devolver o novo edificio ao Gremio de Mareantes. As disputas posteriores pola propiedade da capela rematarían coa disolución da propia institución.
Imaxes:
- Hospital e capela de Santo André, na rúa do mesmo nome. En vermello o cruceiro da Igrexa, que aínda se conserva no mesmo lugar.
(Fonte: plano de Barón y Yáñez, ca. 1879, Concello da Coruña)
- Plano do hospital de santo André, 1768.
(Fonte: Dolores Barral, "Arquitectura nosocomial en la Coruña gótica"-Archivo Histórico Nacional).
- Pórtico do hospital de santo André hacia 1880.
(Fonte: Ángel Oadín: "Reedificación del Templo de San Andrés y el Gremio de Mareantes de La Coruña")
- Actual igrexa de santo André (foto: EVF)
Deixar un Comentario